O BNG critica que a Xunta descarte a VAC para Viveiro tras 25 anos de compromisos

O BNG de Viveiro amosou o seu malestar tras o anuncio do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de que a localidade non contará finalmente cunha Vía de Altas Prestacións (VAC), malia existir —segundo lembran— un compromiso histórico de máis de 25 anos para a súa execución. A portavoz nacionalista, Iria Cotelo, cualificou a situación como unha repetición dun vello guión e asegurou que “vólvese ao mesmo conto de hai un cuarto de século”.
Cotelo rememorou que xa nos tempos de Manuel Fraga se prometera a VAC Costa Norte como compensación polo desvío da Transcantábrica, unha proposta que daquela contou co respaldo dos alcaldes do PP e provocou importantes mobilizacións sociais en Ferrol e Viveiro. “Daquela milleiros de persoas saíron á rúa para reclamar unha infraestrutura digna, e agora o que se nos ofrece é unha estrada convencional”, sinalou, ao tempo que criticou que o PP volva aplaudir unha solución que considera claramente insuficiente.
Desde o BNG explican que o proxecto iniciouse cunha proposta ambiciosa, sometida a exposición pública, que contemplaba unha auténtica VAC cun investimento superior aos 200 millóns de euros. Porén, denuncian que posteriormente se produciu un “xiro inxustificable”, xa que a Xunta pasou a defender unha estrada convencional, cun trazado máis sinuoso, fortes pendentes, sen opción de desdobramento e cun orzamento reducido a apenas unha cuarta parte do previsto inicialmente.
Os nacionalistas lembran tamén que os tramos actualmente en servizo, licitados durante o goberno do bipartito, foran deseñados pensando nun futuro desdobramento e na súa posible conversión en autovía. “O que fai agora o PP é condenar Viveiro a unha infraestrutura de segunda categoría, que quedará como un parche durante décadas”, advertiu Cotelo, quen subliñou que “non só incumpren, senón que mesmo recortan as súas propias promesas”.
O BNG non descarta que o anuncio da Xunta sexa un novo “globo sonda”, como xa ocorreu noutras ocasións, e considera que o Executivo galego busca gañar tempo. Ao seu xuízo, se realmente existise vontade política, a Xunta “anunciaría directamente a licitación do trazado aprobado hai 20 anos e nas condicións comprometidas”. Pola contra, sosteñen que o Goberno galego xa admite que dificilmente as obras comezarán antes de que remate o actual mandato.
Ante este escenario, o BNG asegura que manterá a súa mobilización social e política “con máis motivos ca nunca”, defendendo unha VAC real e un verdadeiro Corredor da Costa que dea resposta ás necesidades de comunicación da comarca.
Ademais, Iria Cotelo aproveitou o seu encontro co presidente da Xunta e coa conselleira de Infraestruturas, María Martínez, para reclamar actuacións urxentes na estrada da Gañidoira. En concreto, pediu que se proceda de inmediato á pintado da sinalización horizontal, ao advertir de que circular por esta vía nas condicións actuais supón “un risco evidente”, especialmente durante a noite e en situacións de chuvia ou néboa, moi frecuentes nestas datas.