O BNG critica os orzamentos de Mondoñedo por carecer de realismo e non garantir servizos eficientes

AMariñaXa
Eloi Cabanas denuncia a falta de persoal e investimentos insuficientes e propón alternativas para mellorar a xestión municipal e fomentar o comercio local
Eloy-BNG-Mondoñedo
2 Dec 2025

O grupo municipal do BNG en Mondoñedo vén de manifestar a súa preocupación polos orzamentos presentados polo goberno local, liderado polo Partido Popular, que, segundo o voceiro nacionalista Eloi Cabanas, non aseguran o mantemento eficiente dos espazos e edificios públicos. O plan prevé cubrir só parcialmente as necesidades do concello, sen contemplar as dez prazas vacantes que seguen sen cubrir, un factor crítico para o funcionamento diario.

Cabanas criticou que estes orzamentos carezan de realismo e se baseen nun rápido “corta e pega” de exercicios anteriores, onde se incrementan partidas de gastos diversos ou se contratan servizos externos que poderían executarse con medios municipais. O anexo de investimentos, segundo o BNG, evidencia a falta de planificación do goberno de Manuel Otero, confiando no remanente de tesourería e en modificacións de crédito, mentres que só se recollen investimentos ligados ao Plan Deputación e ao PEIM por 32.000 euros.

Os nacionalistas tamén alertan de que o orzamento anuncia para 2026 investimentos por 1.169.000 euros sen consignación orzamentaria e repite actuacións pendentes do ano pasado, cuestionando a capacidade do goberno para completar todos os proxectos.

Entre as propostas do BNG destacan a contratación de persoal cualificado, a actualización da RPT, un control máis eficiente do gasto en festas e axudas a asociacións, partidas para fomentar o comercio local e a recuperación da piscina municipal.

Eloi Cabanas cualifica estes orzamentos como unha oportunidade perdida para dotar Mondoñedo de políticas novas e servizos máis eficientes, criticando que o goberno se limite a cubrir necesidades básicas sen ambición de mellora real.

⚙ Configurar cookies
0.07947301864624