O BNG critica a “lamentable” falta de limpeza en Ribadeo durante o verán

AMariñaXa
A formación nacionalista denuncia a presenza de contedores cheos, suciedade nas rúas e desatención ao mobiliario urbano, tanto no casco urbano como nas parroquias
BNG-Pablo-Vizoso-Ribadeo-2023
21 Aug 2025

O BNG de Ribadeo volveu denunciar publicamente o que cualifica como unha “situación insostible” pola falta de limpeza no municipio ao longo de todo o verán. Segundo sinalan desde a formación, “a imaxe que ofrece Ribadeo nestas datas é lamentable, con contedores desbordados, regueiros de graxa en varias beirarrúas e sucidade en diferentes puntos da vila”.

Os nacionalistas apuntan tamén ás parroquias do rural, onde aseguran que “os colectores de cartón non se recolleron en todo o verán”, o que provoca que a situación sexa aínda máis grave fóra do centro urbano.

Espazos emblemáticos, frecuentados tanto por veciñanza como por visitantes, presentan —segundo o BNG— un estado de “deterioro e abandono” do seu mobiliario urbano. A isto engádese, indican, “un cheiro desagradable que acompaña en moitos recunchos e que transmite unha sensación de deixadez xeralizada”.

O grupo municipal lembra ademais críticas pasadas de responsables políticos que, en anteriores etapas, afirmaban que “Ribadeo ulía mal”. Para os nacionalistas, “se cadra agora perderon o olfacto, porque a situación actual é evidente e moito peor”.

Desde o BNG conclúen que “o goberno municipal está totalmente desbordado, incapaz de xestionar un servizo tan básico como o da limpeza viaria”. Engaden que “son capaces de baleirar as arcas públicas, pero manter as rúas en bo estado parece estar fóra do seu alcance”.

⚙ Configurar cookies
0.17676782608032