O BNG critica a inacción do goberno local polo peche da Oficina de Turismo de Lourenzá

AMariñaXa
A formación nacionalista esixe unha solución inmediata para garantir a atención aos visitantes nun concello con gran riqueza patrimonial
LOURENZA-Oficina-turismo-2025
1 Jul 2025

O BNG de Lourenzá vén de denunciar publicamente que a Oficina de Turismo do municipio permanece pechada en pleno inicio da tempada estival, ao non dispoñer de persoal para atender o servizo. Segundo indican, a traballadora que habitualmente desempeñaba estas funcións acolleuse ao seu permiso regulamentario, e o Concello non foi quen de buscar unha alternativa para garantir a continuidade da atención ao público.

A portavoz municipal do Bloque, Belén Fanego, cualificou a situación como unha deixadez absoluta por parte do goberno local, e advertiu de que esta falta de previsión supón un grave prexuízo para os numerosos visitantes e peregrinos que nestas datas chegan á vila. "Non é de recibo que Lourenzá, cun patrimonio tan valioso, teña a súa oficina de turismo pechada precisamente cando máis falta fai", sinalou a edil nacionalista.

Desde o BNG lamentan que o executivo non puxese en marcha ningunha solución organizativa, nin activase recursos alternativos para evitar esta situación. Fanego preguntouse se o Concello conta cunha bolsa de emprego para cubrir ausencias puntuais ou se realizou algunha xestión ante o Servizo Público de Emprego de Galicia para contratar persoal de reforzo.

A formación reclama que o servizo se restableza de inmediato e que o goberno municipal actúe con responsabilidade, tendo en conta que se trata dun recurso esencial para a promoción turística de Lourenzá e para o acompañamento dos peregrinos que percorren o Camiño Norte. "Este tipo de servizos non poden fallar, e menos aínda nun concello que quere apostar polo turismo e a cultura como motores de desenvolvemento", concluíu Fanego.

⚙ Configurar cookies
0.16386198997498