O BNG critica a contratación privada do pintado viario en Ribadeo malia contar cunha máquina adquirida polo Concello

O BNG de Ribadeo vén de cuestionar publicamente a decisión do actual goberno local, liderado polo PP, de externalizar os traballos de pintado das rúas do municipio, a pesar de que o Concello conta cunha máquina propia adquirida para ese fin no ano 2022.
Segundo lembran desde a formación nacionalista, hai apenas tres anos o Concello realizou un investimento de 8.000 euros para dotar ao servizo municipal de obras dunha máquina de pintado viario, que comezou a empregarse no verán dese mesmo ano. “Aquel investimento anunciouse como un paso adiante na mellora da seguridade viaria e da eficiencia dos servizos municipais”, indican.
Por iso, consideran “incomprensible” que agora se recorra á contratación dunha empresa privada para realizar os mesmos traballos que podía executar persoal do Concello. “Preguntámonos ata onde chegan as ganas de privatizar deste goberno do PP. Canto diñeiro público de todas e todos poderiamos ter aforrado?”, expresan desde o BNG.
Os nacionalistas alertan de que esta decisión supón non só un sobre custo innecesario para as arcas municipais, senón tamén unha liña de actuación que responde a unha “estratexia sistemática de privatización de servizos”, coa que, ao seu ver, o PP tenta desmantelar progresivamente os medios propios do Concello.
Desde o BNG esixen transparencia sobre o custe da contratación e demandan explicacións públicas ao alcalde sobre os motivos que levaron a externalizar un servizo para o cal “xa existe maquinaria e persoal capacitado”. Ao seu xuízo, trátase dunha decisión política que evidencia un modelo de xestión “que non aposta polo público e que compromete a autonomía e a eficiencia do Concello”.