O BNG critica á Consellería do Mar por non propiciar un acordo sobre a extracción da semente de mexillón

AMariñaXa
O BNG denuncia a incapacidade da Consellería do Mar de propiciar un acordo sobre a extracción da semente de mexillón
SEMENTE DE MOLUSCOS BIVALVOS EN CRIADEIRO
15 Nov 2022

O BNG criticou na Cámara a falta de resultados das sucesivas normativas unilaterais do Goberno do PP para regular a extracción da semente de mexillón, a mexilla, motivo de conflito entre o sector percebeiro e o mexilloeiro dende hai varios anos.

A portavoz de Pesca, Rosana Pérez denunciou que “a 15 días dunha nova campaña de extracción de mexilla estamos aínda peor”, nun contexto de “grande crispación nas pasadas campañas, con intervención dos gardacostas e da Policía”, apuntou. A parlamentaria nacionalista recriminou ao Goberno do PP a súa “falta de consenso e diálogo” en relación á modificación das zonas de extracción da resolución do 2021, “que regula de xeito unidireccional un tema tan sensible” e que fixo da actividade “un polvorín, para logo vir o PP a ofrecer unha man tendida que, despois de todo isto, xa non é críbel”.

Pérez remarcou que, doutra banda, “ a consellería aproveitou o decreto de 2019 sobre o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas para modificar a extracción da mexilla”, polo que non atende ao fondo do conflito. Neste sentido, fixo referencia “á falta de acordos” da mesa de traballo convocada pola Consellería do Mar en 2020, “que só conseguiu fixar horarios de extracción de semente”, denunciou. 

A deputada do BNG emprazou ao Goberno do PP “a valorar se todo este proceso foi útil” nun contexto de crise económica e inflación, tamén nos sectores mexilloeiro e percebeiro, “que seguen sen que se lles dea unha normativa de consenso que finalice este conflito entre ambos”. Aproveitou para lembrarlle á Consellería do Mar os seus continuos cambios de criterio, xa que “a propia conselleira anunciou públicamente a reapertura de novas zonas de extración en Baiona, Sanxenxo e Aguiño para, cinco meses despois, seguir sen reaperturalas en base a uns informes que non temos porque non os queren compartir con esta Cámara”, denunciou.

De feito, Pérez criticou que a Consellería do Mar “tampouco informa se o percebe se recuperou nas zonas onde limitaron a extracción da mexilla, tampouco porque non reabriron as zonas que a Xunta dixo que ía abrir”, sinalou. Demandou aos Populares saber en que estado se atopa a nova normativa de extracción da mexilla “e tamén se están tendo contactos cos sectores implicados”; información sobre as condicións nas que Galiza afronta a seguinte campaña de extracción de semente que o Executivo do PP non quixo aportar en sede parlamentaria.

0.19592690467834