O BNG critica a actitude do alcalde de Ribadeo e logra sacar adiante a creación dunha sala de estudo

O BNG de Ribadeo amosou o seu malestar polo desenvolvemento do pleno municipal celebrado este martes, 15 de xullo, acusando ao alcalde, Daniel Vega, de “xerar polémica de maneira constante” e de empregar o seu cargo para “verter insidias e falsidades contra a oposición”.
Segundo explica a formación nacionalista, cada vez que formulan unha proposta construtiva ou denuncian situacións preocupantes, como os vertidos incontrolados detectados estes días na praia de Illas, o rexedor responde con “ataques persoais e afirmacións falsas”, chegando a “imaxinar insultos” e a presentarse como vítima “dunha situación que non existe”.
O BNG tamén denunciou o abuso do procedemento de urxencia na inclusión de asuntos a tratar no pleno. Apuntan que, malia que na Comisión Informativa do 8 de xullo se advertiu da posible incorporación de novos temas ao pleno do día 15, “a documentación non foi remitida a tempo”, impedíndolles revisar e valorar facturas pendentes de pago. “Non podemos votar a cegas nin avalar gastos superfluos sen unha mínima información”, sinalaron, lembrando as críticas expresadas no Parladoiro respecto do uso de fondos públicos.
O momento máis tenso do pleno produciuse, segundo relatan, cando se tratou a proposta do BNG para crear unha sala de estudo na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Aseguran que, lonxe de buscar consenso, o alcalde respondeu “con ataques persoais contra o noso voceiro e acusacións infundadas”, adoptando unha “actitude prepotente e provocadora”.
A pesar do clima tenso, o BNG subliña que mantivo unha postura propositiva ao longo de toda a sesión e que finalmente foi posible alcanzar un acordo coa concelleira delegada de Cultura, o que permitiu aprobar a proposta de maneira consensuada.
“Acordamos, malia todo, unha medida positiva para Ribadeo”, conclúen desde o BNG, ao tempo que reclaman “máis respecto institucional, máis transparencia e menos crispación política” por parte do alcalde.