O BNG comarcal visita unha granxa de Ribadeo e reclama unha reunión urxente da Mesa do Leite

O BNG reuniuse co sector gandeiro no municipio de Ribadeo. O encontro tivo lugar na gandería Casa do Rei, na parroquia de Vilela, e contou coa presenza da deputada Ariadna Fernández, responsable das áreas de Gandería e Industrias Agroalimentarias, o deputado Daniel Castro e o portavoz municipal, Martín Graña.
Durante a reunión, os representantes do BNG trasladáronlles ás gandeiras e gandeiros afectados pola suspensión da recollida do leite que o seu grupo solicitará a convocatoria urxente da Mesa do Leite. O obxectivo é que todos os axentes da cadea poidan negociar en igualdade de condicións e evitar así prácticas abusivas e unilaterais por parte da industria, que deixan as persoas produtoras sen capacidade ningunha de negociación sobre o prezo do produto.
Nesta liña, a deputada Ariadna Fernández avanzou que "imos solicitar tamén que se recuperen as reunións frecuentes do Observatorio do Sector Lácteo como ferramenta para recadar e achegar información sobre o estado actualizado das ganderías galegas". O propósito, engadiu, é "dispor de informes periódicos sobre os custos de produción, as eivas ou as ameazas principais que afectan o sector en cada momento".
Outra das propostas do BNG é instar a Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a adoptar medidas que compensen o incremento dos custos de produción, especialmente no relativo ao combustible e aos fertilizantes. Así mesmo, reclaman poñer en marcha iniciativas para recuperar a superficie agraria útil, facilitando o acceso á terra, e adoptar medidas urxentes para desbloquear as axudas á incorporación de mozos e mozas ao sector, impulsando políticas que favorezan o relevo xeracional.
Pola súa banda, o portavoz municipal, Martín Graña, subliñou a relevancia do sector gandeiro no concello: "No noso concello, este sector foi e é un piar básico da economía local e ten que seguir sendoo. Por esa razón, a posición do BNG vai ser sempre estar ao carón das gandeiras e gandeiros", afirmou.