O BNG chama á mobilización para celebrar o 25 de xullo coa Mariña como protagonista

Foz
AMariñaXa
O Bloque Nacionalista Galego e Galiza Nova organizan actos lúdicos e reivindicativos en Foz, Barreiros e Ribadeo
galiza-nova-marinha
13 Jul 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Mariña prepara unha serie de actividades para celebrar o 25 de xullo, Día da Patria Galega, que culminarán coa manifestación en Santiago de Compostela, prevista para as 12.00 horas, saíndo da Alameda e rematando na Praza da Quintana. Representantes do BNG e de Galiza Nova presentaron en Foz, xunto ao monumento á Muller Focega, os actos que se desenvolverán na comarca ao longo do mes de xullo, previos á gran xornada do día 25.

Antonio Veiga, responsable comarcal do BNG na Mariña, salientou que “temos que festexar pero tamén reivindicar, porque o BNG é unha forza política cun discurso e unha práctica coherente e transformadora, que traballa por unha Galiza forte que faga valer os nosos intereses de país e coide dos galegos e das galegas con servizos públicos, universais e de calidade, coma a sanidade, na que na comarca da Mariña levamos anos de loita fronte ao proceso de desmantelamento que leva a cabo o PP. Queremos vivir na Mariña con todos os servizos, con infraestruturas acordes aos nosos tempos, rematando dunha vez a agardada A-74, e queremos tamén poder ter acceso á vivenda, agora inaccesible para a maioría de traballadoras e traballadores debido ás nulas ou lesivas políticas levadas a cabo ao respecto polo PP”.

Pola súa banda, Serxio Alonso Mon, representante da mocidade de Galiza Nova na comarca, expresou que “traballamos tamén por unha Galiza e por unha Mariña en que os coidados sexan un dereito e non un negocio e en que a vivenda e a protección social estean garantidas e que a mocidade teña oportunidades aquí. Unha Galiza en que a nosa lingua propia, o galego, estea viva e plenamente normalizada, e na cal a defensa da igualdade desde o feminismo e o respecto á diversidade sexan norma e non excepción”.

O programa de actos na Mariña comeza o sábado 19 de xullo en Foz coa XXX Festa da Patria, que terá lugar diante da lonxa a partir das 19.30 horas, con chicharros lañados e actuacións musicais de Os Lambós e DJ´s Di Pacolo e compañía. O domingo 20, en Barreiros, celebrarase a XVIII Manifesta da Patria na área recreativa de A Insua, con sesión vermú amenizada por músicos locais e a tradicional “bonitada do Bloque” previa reserva. O luns 21, en Ribadeo, a mocidade de Galiza Nova realizará a izada da bandeira da patria no Cargadeiro, seguido da inauguración da exposición “Artivismo en Castelao”.

Desde o BNG da Mariña fan un chamamento á cidadanía para acudir á manifestación do 25 de xullo en Santiago de Compostela e ás actividades previas do Festigal o día 24.

 

⚙ Configurar cookies
0.17686486244202