O BNG burelés insiste na Comisión de Memoria Histórica e o Plan de Urbanismo
Nas últimas datas o alcalde de Burela, Alfredo Llano anunciou cambios no sentido do tráfico de diversas vilas, que se materializaron nesta semana, baseándose en informes técnicos e da Policía Local.
Para o voceiro do BNG, Mario Pillado, “estas medidas non responden á planificación nin á previsión mais ben todo o contrario. Levamos anos reclamando un Plan de Urbanismo, Mobilidade e Humanización; facémolo cada ano no debate orzamentario e sobre o Plan Único, posto que cremos que é a mellor forma para desenvolver o PXOM, aínda coas modificacións que precise o mesmo”.
Continuou Pillado dicindo que “o que percibimos como resposta é a improvisación e ó ir facendo tan característico do señor Llano. Por outra banda, xa solicitamos acceso ós informes nos que se baseou esta modificación de tráfico, para saber que criterios se seguiron para a mesma”.
COMPROMISO
Noutra orde de cousas, Pillado indicou que “o señor alcalde igual non se lembra, pero nós seguimos pendentes da creación da Comisión de Memoria Histórica que foi un acordo plenario ata en dúas ocasións e para a que non hai impedimento obxectivo ningún, posto que xa foi elexida cronista oficial, que era no que se excudaba o alcalde. É recoñecido o noso interese por mudar o nome da rúa Eijo Garay e a retirada do título de fillo adoptivo, e parécenos unha boa oportunidade se o obxectivo é darlle unha volta a nivel urbanístico á nosa vila. Para nós a ferramenta axeitada para esa modificación é esta comisión.”
Para finalizar, o voceiro do BNG sinalou que “tamén lle insistimos ó señor alcalde en que debe continuar coas negociacións co grupo propietario do inmoble ubicado na antiga fábrica de Gres, para acadar un convenio que sexa satisfactorio para ambas partes”.