O BNG burelés di que o Goberno local volve a erros anteriores

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
"O servizo de socorrismo de Burela leva unha semana funcionando, nunha tempada estival difícil debido á realidade do covid-19 que nos envolve", di Mario Pillado, voceiro do BNG de Burela.
17 Xul 2020
"O servizo de socorrismo de Burela leva unha semana funcionando, nunha tempada estival difícil debido á realidade do covid-19 que nos envolve", di Mario Pillado, voceiro do BNG de Burela. Ante iso, o BNG fixo propostas en canto a reforzo de persoal tanto do servizo de socorrismo como de cumprimento da normativa derivada da pandemia, pero non foron atendidas polo momento. Para Pillado “cremos fundamental o reforzo de persoal tanto de aumentar o número de profesionais no servizo de socorrismo, como engadir persoal auxiliar ou destinar persoal do concello de certos departamentos para o seguimento e cumprimento das medidas de seguridade que foron establecidas pola Xunta. Polo momento non se aceptaron as nosas propostas, que seguimos mantendo, pero vemos que o goberno local insiste na nefasta xestión deste servizo dos últimos anos, con carencias e deficiencias a nivel de instalacións e material que non foron corrixidas”.
 
Devolver as taxas pola ocupación de vía públicas con terrazas
O alcalde de Burela, o señor Alfredo Llano, anunciou axudas ó sector comercial e flexibilidade para a colocación de terrazas á hostalería pero o concello cobrou do mesmo xeito esta taxa ós interesados. Pillado propón que “dada a situación, onde unha gran parte de locais tiveron que pechar e os que están abertos están con limitacións de aforo, barra e modificación de horarios, se lles devolva ós propietarios dos locais de hostalería o importe que pagaron pola colocación das terrazas. Esa sería a maneira de axudar ó sector neste difícil momento, porque é unha das poucas taxas nas que o concello ten o control total, no orzamento que está pendente de aprobación definitiva non lle supón moito ás arcas municipais e cónstanos que xa se fixo nalgún caso, polo que se debería facer na totalidade dos establecementos” e continuou dicindo que “seguimos agardando pola liña de axudas ó sector comercial, pendentes da aprobación definitiva dos orzamentos e de que os técnicos municipais avalen as bases da convocatoria”.
Garantir a seguridade e a recuperación da actividade na mina de Caolín.
Despois de ver na prensa o anuncio por parte do goberno local de que a nova ruta xeolóxica que transcorrerá polo Monte Castelo se relacionaba coa mina de Caolín, dende o grupo municipal do BNG puxéronse en contacto co goberno para preguntar pola seguridade dese percorrido. O voceiro nacionalista indicou que “se ben é certo que a ruta non vai transcorrer polo recinto delimitado da mina, cremos que se debe blindar a seguridade do percorrido así como lle vimos demandando ó goberno que se traballe en conxunto coas administracións competentes para mellorar a seguridade da explotación, nun total estado de abandono. Tamén cremos que unha vez que hai unha empresa que se fixo cos dereitos mineiros da explotación o concello debe informarse e fomentar a posibilidade de que se recupere a actividade mineira para que se xere emprego na vila, por tódolos medios a disposición da administración local”. Finalizou o portavoz do BNG comentando que “durante os último anos apercibimos ó goberno local da situación de inseguridade da explotación pero nin dende o concello nin dende as administracións competentes se fixo nada para corrixir ese estado, que empeora co paso do tempo”
0.1952428817749