O BNG arrinca en Burela a súa campaña de Nadal en defensa do comercio local

O BNG iniciou este mércores en Burela a súa tradicional campaña de Nadal en apoio ao comercio local, unha iniciativa que se desenvolve cada ano nestas datas coa finalidade de poñer en valor o tecido produtivo galego e promover un modelo de consumo máis próximo e sostible. No acto de presentación participaron os concelleiros do goberno municipal de Burela Mario Pillado e Sandra Fernández, xunto co deputado provincial Daniel García e o parlamentario mariñao Daniel Castro.
Durante a presentación, Mario Pillado puxo o acento na singularidade do modelo produtivo galego e da Mariña, baseado nunha combinación de terra, mar e coñecementos transmitidos ao longo do tempo. Segundo sinalou, trátase dun patrimonio que permite ofrecer produtos de gran calidade, pero que se ve ameazado polas políticas da Xunta de Galicia, ás que acusou de favorecer un modelo de consumo centrado nas grandes superficies. Ao seu xuízo, esta orientación deixa cada vez máis desprotexidos ao sector primario, á industria de transformación e ao comercio de proximidade, empobrecendo o país e limitando o futuro dos pequenos negocios, ademais de fomentar hábitos de consumo deshumanizados e pouco respectuosos co medio ambiente.
Na mesma liña, Sandra Fernández defendeu a necesidade dun cambio de rumbo que sitúe no centro o consumo de produtos galegos e o apoio ao comercio local. A concelleira subliñou que esta aposta vai máis alá do ámbito económico, xa que contribúe á cohesión social, ao equilibrio territorial e á defensa do futuro produtivo de Galicia. Segundo indicou, un respaldo decidido ao pequeno comercio permitiría xerar emprego digno, dinamizar a vida económica e social e garantir que a riqueza creada no territorio repercuta directamente na propia comunidade.
Desde o BNG tamén se fixo unha firme defensa do traballo autónomo, destacando o papel esencial que desempeñan as persoas autónomas na economía galega. A formación salientou que son elas quen sosteñen milleiros de pequenos negocios, talleres e iniciativas emprendedoras que manteñen viva a actividade económica en cidades, vilas, barrios e parroquias.
Pola súa banda, Daniel Castro e Daniel García expuxeron algunhas das principais liñas de actuación que o BNG promove no ámbito institucional para garantir o futuro do comercio local. Entre elas citaron a elaboración dunha nova Lei de Comercio Local, o impulso ao consumo de produtos galegos, a recuperación e revitalización dos mercados municipais, a creación dunha marca galega de calidade que identifique a orixe dos produtos da terra e do mar, así como o despregamento de liñas de crédito prioritarias para o comercio de proximidade.