O BNG anuncia emendas aos Orzamentos da Xunta para aumentar os investimentos e combater a “discriminación” na Mariña

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou en Alfoz que o Bloque presentará un amplo paquete de emendas aos Orzamentos da Xunta de Galicia co obxectivo de incrementar os investimentos na Mariña e mellorar as súas infraestruturas e servizos públicos. A dirixente nacionalista denunciou que as novas contas “volven relegar e discriminar” á comarca, repetindo —dixo— “o mesmo patrón de desatención e esquecemento que xa é marca da casa do PP”.
Pontón destacou que unha das emendas máis relevantes será a destinada a reactivar a construción da VAC Costa Norte, “un proxecto que o PP leva prometendo desde 2001 e do que só están executados 16 dos 110 quilómetros previstos”. “É dicir, 650 metros por ano, unha auténtica vergoña que indigna a calquera mariñán”, afirmou durante o acto celebrado en Alfoz, no que tamén participaron o deputado Daniel Castro e a portavoz local Beatriz Álvarez Sixto.
A líder nacionalista acusou ao Goberno de Alfonso Rueda de “usar os orzamentos como se fosen cartos do Partido Popular, cando son de todos os galegos e galegas”. Criticou o que cualificou de “sectarismo político” do Executivo, que —asegura— “castiga aos concellos gobernados por outras forzas políticas”. Como exemplo, citou a falta de investimentos en municipios como Barreiros, A Pontenova, Muras ou O Valadouro, que continúan agardando actuacións prometidas como depuradoras, parques empresariais ou melloras de saneamento.
Tamén denunciou a “falla de compromiso” coa sanidade pública, xa que, segundo afirmou, “mentres se destinan 300 millóns á sanidade privada, á Mariña só chegan tres millóns para o Plan Director do Hospital”. Pontón advertiu de que a Atención Primaria “está ao límite” en case todos os concellos e urxiu a reforzar o persoal sanitario.
A portavoz do Bloque puxo ademais o foco na vivenda, un dos problemas máis graves da comarca, e lamentou que “os orzamentos do PP non conteñen nin unha soa medida para frear o incremento dos prezos de alugueiro ou compra”. Lembrou que o Plan Rexurbe leva anos sen aplicarse e que concellos como Ribadeo, Foz ou Viveiro “chegan xa a niveis de prezo similares aos das cidades galegas”.
Pontón concluíu asegurando que “A Mariña merece moito máis”, e comprometeu o traballo do BNG para introducir melloras concretas que permitan avanzar cara a unha comarca “máis equilibrada, con servizos públicos dignos e con futuro para a súa xente”.