Fran Cajoto di que a "saída do BNG do goberno municipal non incumpre a súa promesa cos veciños de Foz"
Onte produciuse unha ruptura no goberno bipartito do Concello de Foz. O BNG, que ata ese momento compartía o bastón de mando co PSOE, comunicou a súa decisión de abandonar a súa participación no goberno municipal, rompendo así o pacto de coalición acadado co PSOE tras as eleccións municipais de 2023.
Segundo o alcalde de Foz, Fran Cajoto, "esta foi una noticia que nos pillou por sorpresa". "De feito o venres día 10 estiven con Fanego do BNG falando sobre o Plan Deputación e a documentación que había que presentar e en ningún momento dixo nada de isto", sinala o rexedor focego.
Xa dende setembro existía unha inestabilidade política no municipio pola decisión do BNG de votar en contra e impedir a adxudicación da xestión da residencia de maiores, opoñéndose ao incremento das tarifas proposto polos socialistas.
"Pasounos algo similar cando mudaron 180º de opinión no tema da residencia e votaron en contra no último paso da mesa de adxudicación. Enterámonos no propio Pleno", indican con sorpresa o alcalde.
"Levamos vendo varios incumprimentos do pacto de Goberno do BNG especialmente nos últimos tempos, démoslles a oportunidade de levar a diante o modelo de xestión que solicitaban da residencia coas mesmas prerrogativas que teñen todas as delegacións de Goberno. Démoslles a oportunidade de xestionar e o que fixeron finalmente foi abandonar a xestión, abandonar o barco. Non sabemos se é porque analizaron o expediente e viron que o que propoñían non era viable ou que decidiron pasar á oposición por outros motivos", di Fran Cajoto.
Pero "isto non incumpre a nosa promesa cos veciños de Foz", sinala Cajoto, "nos vamos a seguir gobernando por e para Foz, o importante son os veciños".
Así, as concellerías do BNG, que eran 4, agora deberán ser asumidas polo PSOE. "Primeiro teñen que facer efectiva a renuncia e despois distribuiremos as súas concellerías", engade.
"Non é a primeira vez que que parece que cando se dan ou transfiren máis responsabilidades. É o mundo ao revés", remata dicindo.
BNG
O Bloque Nacionalista Galego explica que "esta decisión responde a un cúmulo de circunstancias que fan insostible continuar no executivo local, sempre dende o compromiso coa responsabilidade e co benestar das veciñas e veciños de Foz".
O BNG xustifica a súa decisión asegurando que as diferenzas programáticas e a falta de entendemento no desenvolvemento de políticas prioritarias fan imposible manter o acordo.
A situación podería complicar a gobernabilidade no concello, obrigando a buscar novos consensos para sacar adiante proxectos e iniciativas.