O BNG anuncia a súa saída do goberno municipal de Foz
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Foz comunicou a súa decisión de abandonar a súa participación no goberno municipal, rompendo así o pacto de coalición acadado co Partido Socialista Obrero Español (PSOE) tras as eleccións municipais de 2023. Segundo explica o BNG, esta decisión responde a un cúmulo de circunstancias que fan "insostible" continuar no executivo local, sempre dende o compromiso coa responsabilidade e co benestar das veciñas e veciños de Foz.
O BNG di que, desde o inicio, destacou a súa vontade de diálogo ao propor un acordo de goberno, malia as declaracións públicas do alcalde socialista, que expresou a súa intención de gobernar en solitario. Porén, denuncian que a actitude do alcalde e da concelleira de Servizos Sociais estivo marcada pola "falta de diálogo, especialmente en cuestións sensibles como as tarifas da Residencia de Foz", cuxo proceso de adxudicación o BNG rexeitou por consideralo prexudicial para os intereses veciñais.
O conflito intensificouse tras unha resolución do TACGAL, tribunal administrativo independente, que deu a razón ao BNG sobre as irregularidades denunciadas na contratación das tarifas da residencia. Lonxe de buscar consenso, "o PSOE respondeu retirando as competencias da Residencia da área de Servizos Sociais e asignándoas a outra concelleira por decreto, mais sen outorgar capacidades plenas de xestión", explican.
O BNG denuncia que o PSOE adoptou un comportamento "obstrucionista e irracional", negándose ao diálogo e incumprindo sistematicamente o pacto de goberno. Ademais, sinala unha crecente falta de respecto cara os edís do BNG, que foron ninguneados nas súas competencias delegadas, e critica a actitude prepotente do alcalde ao eludir a crise e distorsionar os feitos publicamente.
A pesar dos reiterados chamamentos ao sentido común e á reflexión, o BNG afirma que non é posible traballar baixo estas condicións. A falta de diálogo e a imposición como forma de goberno contradín os principios do BNG. Ante esta situación, o BNG anunciou que presentará a súa renuncia a todas as responsabilidades de goberno nos vindeiros días, dando un prazo prudente para que o PSOE reorganice a estrutura do executivo local.
Así mesmo, a concelleira Zoraida Coira renunciará á súa retribución pola dedicación parcial no Concello. O BNG agradece o apoio dos traballadores municipais e asegura que continuará traballando dende o pleno como grupo municipal, con propostas e iniciativas que melloren a vida das veciñas e veciños de Foz.