O BNG alerta dun incremento “descontrolado” do período medio de pago no Concello de Ribadeo

AMariñaXa
A formación nacionalista asegura que o prazo pasou de 13 a 77 días dende o último mandato e reclama ao PP que “rectifique antes de que sexa tarde”
Ribadeo-Pablo-Vizoso-2025-BNG
21 Nov 2025

O BNG de Ribadeo volve poñer o foco na situación económica do Concello tras analizar o último informe trimestral elaborado pola Intervención municipal. Segundo explica o voceiro nacionalista, Pablo Vizoso, o período medio de pago a provedores disparouse nos dous anos de goberno do PP, pasando dos 13 días rexistrados no segundo trimestre de 2023, último do mandato do BNG, aos 77 días computados no terceiro trimestre de 2025.

Vizoso subliña que esta tendencia á alza se repite en todos os informes emitidos dende a chegada do PP á alcaldía, un comportamento que —asegura— repercute directamente no tecido empresarial e autónomo do municipio, que “ten que agardar cada vez máis para cobrar polos traballos realizados”.

O portavoz explica que, xa no primeiro trimestre deste ano, o prazo de pago situábase nos 44 días, polo que en lugar de reducirse a demora avanzou máis dun mes no período analizado. “E aínda falta por coñecer a evolución dos últimos tres meses do ano”, advirte.

Para Vizoso, esta situación evidencia “o gasto descontrolado no que está instalado este desgoberno”, unha dinámica que, ao seu xuízo, está xerando tensión económica en empresas, profesionais e particulares que dependen dos pagos municipais para manter a súa actividade diaria. “O peor de todo non é que o digamos nós, porque non queremos alarmar; son datos que a propia Intervención publica trimestre tras trimestre, con consecuencias reais na vida da veciñanza”, recalca.

O grupo nacionalista insta o executivo popular a asumir a gravidade desta situación e a modificar o rumbo. “Poden buscar escusas ou intentar tapar a realidade, pero os números están aí. Pedímoslles, unha vez máis, que xestionen con rigor e rectifiquen antes de que sexa demasiado tarde”, conclúe Vizoso.

⚙ Configurar cookies
0.070425033569336