O BNG alerta do abandono do paseo do Landro e critica a inacción do goberno local

AMariñaXa
Míriam Bermúdez denuncia o deterioro do espazo e lembra que Costas comprometera a súa renovación para 2025 grazas á xestión do anterior executivo
Viveiro-paseo-fluvial-Landro-mal-estado-maio-2025
21 May 2025

O estado de abandono do paseo fluvial do Landro, que conecta Viveiro con Portochao, volve ao centro do debate político local. A portavoz municipal do BNG, Míriam Bermúdez, denunciou a situación actual do espazo, con vexetación sen controlar que invade o camiño e táboas rotas que deixan ocos de ata 50 centímetros de profundidade, o que representa un claro perigo para as persoas usuarias.

Bermúdez lembrou que, durante o mandato do BNG, investíronse máis de 23.000 euros en labores de mantemento: desbroces, podas, reparacións estruturais e actuacións periódicas que mantiñan o paseo en bo estado. “Actuabamos con responsabilidade e compromiso, garantindo un uso seguro dun espazo moi frecuentado pola veciñanza”, subliñou.

Con todo, a nacionalista critica con dureza a “pasividade absoluta” do actual goberno municipal: “Non hai rozas, nin reposición de táboas, nin medidas mínimas de sinalización por seguridade. Todo está deixado, mentres a alcaldesa só centra os seus esforzos na Praza Maior”.

Bermúdez tamén puxo o foco na falta de continuidade institucional. Segundo explica, o anterior executivo iniciara contactos co Servizo Provincial de Costas, titular do paseo, para impulsar unha renovación integral da pasarela de madeira. Froito dese traballo, Costas comprometeuse a executar a obra en 2025.

“Se o BNG seguise no goberno, ese proxecto sería hoxe unha realidade”, asegurou a portavoz, que acusa ao actual executivo do PP de non facer seguimento nin presión para que a renovación se leve a cabo.

A nacionalista denunciou tamén o rexeitamento sistemático ás propostas do BNG “só por viren de nós”, como xa ocorrera —lembrou— coa remodelación da Praza de Abastos, coa proposta dun servizo enerxético que reduciría a factura da luz ou coa petición de que a Xunta asuma a xestión do Conservatorio.

⚙ Configurar cookies
0.18227291107178