O BNG alerta da falta de xeradores na residencia de Xove durante o apagamento eléctrico

O corte eléctrico que afectou a toda a Península Ibérica o pasado luns tivo consecuencias especialmente preocupantes na residencia de maiores de Xove, xestionada pola Fundación San Rosendo. Segundo denuncia o BNG local, a falta de xeradores de emerxencia puxo en risco a seguridade e benestar dos usuarios, moitos deles dependentes e necesitados de equipamentos vitais como osíxeno asistido.
A portavoz nacionalista, Pilar Vázquez, cualifica de “alarmante” a situación vivida polos residentes, maioritariamente veciños e veciñas do propio concello, que quedaron sen acceso a servizos básicos durante o apagamento. “É inadmisible que unha residencia que acolle persoas en situación de vulnerabilidade non dispoña de sistemas alternativos de subministración eléctrica que garantan a súa atención en casos de emerxencia”, sinala.
Ademais da falta de subministración para os dispositivos médicos, o fallo eléctrico deixou inoperativos os ascensores, o que obrigou o persoal do centro a trasladar ás persoas maiores polas escaleiras, asumindo un risco físico evidente tanto para as traballadoras como para os usuarios.
O BNG avanzou que levará este asunto ao próximo Pleno municipal, previsto para o mes de xuño. Alí solicitarán información ao goberno local sobre posibles comunicacións ou peticións recibidas por parte da Fundación San Rosendo con motivo do incidente, e presentarán propostas para evitar que esta situación volva repetirse.
A formación tamén instará á Fundación e ao executivo local a garantir o cumprimento das condicións acordadas para o bo funcionamento do centro residencial. “Estamos a falar de vidas que dependen dunha mínima previsión e responsabilidade”, concluíu Vázquez.