O BNG acusa ao PP de volver abandonar a Viveiro e A Mariña e anuncia mobilizacións polo Corredor da Costa Norte

O grupo municipal do BNG de Viveiro e a executiva comarcal nacionalista denunciaron que, unha vez máis, o Partido Popular “maltrata a Viveiro e á zona occidental da Mariña”, deixándos sen infraestruturas viarias adecuadas que melloren a conexión co resto do país e do Estado, o que —aseguran— “lastra o desenvolvemento económico de Viveiro e da comarca”.
Segundo explicaron a portavoz municipal Iria Cotelo e o concelleiro Seve Salgueiro, o documento orzamentario recentemente presentado polo PP “evidencia o seu desinterese por Viveiro e pola Mariña”. Ambos lembraron que, en resposta a unha pregunta parlamentaria formulada polo BNG, a Xunta asegurou que “para a planificación da VAC Costa Norte ten que estar completada a autovía da Mariña (A-74) por parte do Goberno do Estado”.
“Con esta resposta por escrito —afirmaron Cotelo e Salgueiro— quedan claras as intencións do Partido Popular: desentenderse dos seus compromisos con Viveiro, cos que leva 25 anos incumprindo, amparándose en desculpas de mal pagador”.
Pola súa banda, o deputado mariñao Daniel Castro destacou que “tras 25 anos da promesa de construción do corredor, só se executaron 15 quilómetros en dous tramos dos 90 previstos, e precisamente foron licitados polo goberno bipartito”.
Castro anunciou que o BNG presentará emendas aos Orzamentos da Xunta para que se doten as partidas necesarias e se poida avanzar na execución desta infraestrutura “tan esencial para o futuro da comarca”.
Mobilizacións polo Corredor
O BNG lembrou tamén que no vindeiro mes de novembro se cumpren 25 anos das mobilizacións contra o desvío da Transcantábrica cara a Vilalba, decisión do PP que modificou o trazado inicial previsto polo centro e o occidente da Mariña, Ortegal e Ferrol.
Coincidindo con esta data simbólica, os nacionalistas anunciaron novas iniciativas nos concellos e nas institucións para instar á Xunta a rematar o Corredor da Costa Norte, así como mobilizacións sociais e actos informativos e reivindicativos para reclamar “unha infraestrutura imprescindible para o desenvolvemento e a cohesión territorial da Mariña e do norte galego”.