O BNG acusa ao PP de bloquear a nova ordenanza de tenza animal en Viveiro

A nova Ordenanza de Tenza de Animais en Viveiro, redactada e completada durante o anterior mandato, continúa paralizada no Concello malia estar lista para a súa aprobación definitiva. Así o denunciou publicamente o BNG, que acusa o actual goberno local do Partido Popular de “desleixo” e “inmobilismo”.
A exconcelleira de Medio Ambiente, Míriam Bermúdez, sinala que o texto xa superou o período de exposición pública e foi elaborado “con todo o rigor técnico e legal”. Para a nacionalista, a ordenanza representa un “avance fundamental” no benestar animal e na convivencia cidadá, ao recoller medidas como a creación de zonas específicas para cans, o control das colonias felinas mediante o método CER (captura, esterilización e retorno) e a introdución dun sistema graduado de sancións.
“Cada día que pasa sen aprobar esta normativa é un día máis de incerteza para quen convive con animais e un freo para as melloras que xa deixamos encamiñadas”, asegura Bermúdez, que tamén denuncia que o goberno municipal “está a un paso de retirar Seiramar como praia de uso compartido, algo totalmente inxustificable”.
A normativa establece obrigas claras para as persoas propietarias, regula a tenza de cans potencialmente perigosos, impón a identificación mediante microchip e impulsa a creación de cinco Zonas de Esparexemento Canino (ZEC) en Celeiro, Nogueiras, Xunqueira, Seiramar e Covas. Segundo o BNG, manter bloqueada a ordenanza supón tamén adiar estas actuacións concretas que xa contaban con planificación previa.
“A inacción do executivo local é preocupante. Non só non presentan iniciativas novas, senón que tampouco permiten que se poñan en marcha proxectos xa traballados e necesarios”, critica a representante nacionalista, quen pide ao PP que “abandone os prexuízos partidistas e pense no interese común da veciñanza”.
O BNG anunciou que levará ao próximo pleno ordinario un rogo para reclamar a inclusión da ordenanza na orde do día do pleno de xuño, instando ao goberno local a actuar “con responsabilidade e sentido común para non deixar no caixón unha normativa que a sociedade leva anos demandando”.