O BNG acusa ao goberno do Valadouro de discriminar ás asociacións na concesión de subvencións

AMariñaXa
Os nacionalistas reclaman un procedemento transparente e igualitario logo de que seis entidades veciñais quedasen sen apoio económico nos orzamentos de 2025
concello-do-valadouro
29 Aug 2025

O Grupo Municipal do BNG no Valadouro vén de presentar unha moción na que reclama ao executivo local que regule de maneira clara e transparente a concesión das subvencións ás diferentes asociacións do municipio. Segundo denuncian os nacionalistas, o actual goberno do Partido Popular, apoiado por Udival, practica unha política de discriminación e discrecionalidade que deixou sen axuda económica este ano a seis Asociacións de Veciños que, aseguran, realizan un labor fundamental de dinamización social e cultural. Trátase das entidades de Moucide, Santa Cruz, Budián, Frexulfe, Santo Tomé e Recaré.

O BNG lembra que xa no debate dos orzamentos de 2025 advertira desta situación, cando comprobou que non figuraba ningunha partida destinada a estas asociacións. Para os nacionalistas, o Concello está obrigado a abrir un procedemento que garanta a igualdade de acceso ás subvencións, sexa a través da concorrencia competitiva ou ben mediante convenios e asignacións nominativas, sempre con claridade nas bases e nos documentos orzamentarios.

O portavoz municipal, Eduardo Chao, explicou que “temos que poñer fin a unha política de discriminación que o Partido Popular está a aplicar con entidades que fan unha labor imprescindible, pero que sen apoio institucional apenas poden sobrevivir porque teñen moi poucos recursos propios”.

Desde o BNG critican que, fronte a esta situación, o actual goberno municipal optara por conceder só dúas subvencións, deixando á marxe a seis asociacións. No pleno do 15 de abril, o concelleiro nacionalista Eliseo Teijeiro lembrou que “cando nós estabamos no goberno destinabamos 70.000 euros a subvencións, que se repartían entre todas as asociacións sen ningún tipo de discriminación”. Engadiu ademais que “o novo executivo do PP, co apoio de Udival, volve ás súas prácticas habituais de dar axudas a dedo, mentres deixa sen respaldo a colectivos que desenvolven unha intensa actividade cultural e veciñal nas súas parroquias”.

⚙ Configurar cookies
0.18189001083374