O BNG acusa ao goberno do PP en Ribadeo de esgotar os aforros e non poder facer fronte ás facturas pendentes

AMariñaXa
A formación nacionalista denuncia un déficit entre gastos e aforros que supera os 437.000 euros e fala de “despilfarro e mala xestión” por parte do executivo local
Ribadeo-BNG-xuno-2025
2 Jun 2025

O grupo municipal do BNG en Ribadeo asegura que as súas advertencias se confirman tras acceder á conta xeral do ano 2024. Segundo os datos que manexan, o Concello acumula facturas pendentes por valor de 662.590 euros, mentres que os aforros declarados para facerlles fronte non superan os 224.753 euros. "As contas non dan. As cifras son moi claras", manifestou o voceiro da formación, Pablo Vizoso.

O nacionalista lembrou que cando o BNG deixou o goberno municipal, en 2023, os remanentes ascendían a máis de 1.660.000 euros. Dous anos despois, asegura, o goberno popular “despilfarrou máis de 1.400.000 euros deses fondos” sen deixar capacidade económica suficiente para asumir os compromisos adquiridos. "É a primeira vez en moitos anos que o Concello non ten capacidade de pago para afrontar as facturas dun exercicio anterior", lamentou Vizoso.

Desde o BNG insisten en que o descontrol financeiro “non colle por sorpresa” e que levan meses alertando do incremento de gastos innecesarios. "O gasto en papatorias, propaganda e mala xestión está disparado", sinalou o portavoz. Ademais, advirten de que o escenario pode ser aínda peor cando se incorporen as facturas rexistradas en xaneiro e febreiro de 2025, que poderían elevar aínda máis a débeda pendente.

Vizoso denunciou tamén que esta falta de previsión xa ten consecuencias palpables para Ribadeo. "Só en 2024, o goberno do PP perdeu preto de 100.000 euros en subvencións doutras administracións por non poder achegar a súa parte", explicou. "Antes os remanentes usábanse para proxectos novos, agora só serven para pagar facturas, e nin sequera abonda".

O BNG anuncia que nas vindeiras semanas fará pública unha análise detallada do gasto municipal e trasladará á veciñanza “en que se tirou o diñeiro público”. Reclaman ao actual goberno un cambio de rumbo urxente: “Pedímoslles que sexan responsables cos cartos de todas e todos, para non volver ás situacións dramáticas que xa vivimos noutrora en Ribadeo e noutros concellos gobernados polo PP”.

⚙ Configurar cookies
0.16171288490295