O BNG acusa ao goberno de Viveiro de paralizar os orzamentos de 2025

AMariñaXa
Critican a falta de avances no documento económico e advirten que o atraso prexudicará de novo a clubs, entidades culturais e deportivas
miriam_bermudez_viveiro
6 May 2025

O BNG de Viveiro vén de denunciar publicamente a inacción do actual goberno municipal —formado polo PP e Por Viveiro— na tramitación dos orzamentos para o ano 2025. A voceira nacionalista, Míriam Bermúdez, lamenta que, malia existiren acordos co anterior executivo para iniciar os traballos con antelación, “o tempo pasa e o documento segue sen aparecer”.

Segundo lembra Bermúdez, nos últimos meses do anterior mandato acordárase coa intervención municipal poñer en marcha os orzamentos de maneira anticipada, co obxectivo de evitalo colapso vivido en 2024, cando o documento económico sufriu un atraso de medio ano. “Estamos en maio e xa non hai marxe para cumprir o calendario previsto. Legalmente, non se poden aprobar antes de xuño, polo que estamos ante outro atraso que volverá afectar directamente ás entidades locais”, sinalou.

A portavoz do BNG foi crítica co papel do PP e de Por Viveiro no atraso do ano pasado, acusándoos de provocar deliberadamente unha parálise para desgastar ao goberno anterior. “Dixéronnos que freaban os orzamentos por ben das entidades, pero a realidade foi que moitas asociacións quedaron sen recursos a tempo, sen poder manter a súa actividade habitual”, denunciou. “E agora, que gobernan, non fixeron absolutamente nada. Nin orzamentos, nin propostas, nin presenza pública. Están desaparecidos”, engadiu.

Bermúdez advertiu que Viveiro conta cun tecido asociativo esencial para a vida comunitaria, polo que esixe ao executivo local que acelere a tramitación dos orzamentos e respecte o calendario comprometido. O BNG levará este asunto ao próximo pleno mediante un rogo formal.

“O PP e Por Viveiro xa non están na oposición. Agora gobernan, e gobernar implica asumir responsabilidades e garantir que as entidades culturais, sociais e deportivas poidan traballar con estabilidade e seguridade económica”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.10619592666626