O BNG acusa ao goberno de Viveiro de incoherencia por recuperar propostas que antes rexeitara

A portavoz do BNG en Viveiro, Míriam Bermúdez, cargou contra o actual goberno local, encabezado pola coñecida como alcaldesa 60K, por levar ao pleno do vindeiro mércores 9 de abril unha proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) que, segundo denuncia, é practicamente idéntica á que o Bloque presentara no seu momento para mellorar a xestión da Policía Local.
Bermúdez critica a "hipocrisía política" de PP e Por Viveiro, forzas que agora respaldan unha proposta que hai apenas uns meses rexeitaron. "Desde o goberno anterior puxemos sobre a mesa unha solución a un problema grave, propoñendo separar funcións e asignar a responsabilidade da xestión do persoal ao posto de inspector xefe. Entón votaron en contra. Agora, presentan o mesmo, cambiando unicamente o nome do cargo, que pasa a chamarse xefe da Policía Local", explica.
A nacionalista subliña que a proposta mantén a mesma categoría, salario e funcións que a presentada polo BNG. "O que fai o goberno actual é apropiarse dun traballo que antes desprezaron. Iso é falta de seriedade e de proxecto político", sinala.
Desde o Bloque tamén se apunta á complicidade de Por Viveiro, grupo que sen formar parte do executivo municipal, presta o seu apoio ás propostas do PP. "Están a traizoar aos seus votantes ao apoiar aquilo que antes criticaban con dureza", engade Bermúdez.
A portavoz lembra que o rexeitamento da proposta inicial provocou que a Policía Local quedase sen capacidade operativa durante meses, ao priorizarse os intereses partidistas por riba das necesidades da veciñanza. "Agora que están no poder, demostran que carecen de ideas propias e recorren ás solucións que nós xa ofrecéramos", resume.
O BNG insiste no seu compromiso cun Viveiro mellor, baseado nun traballo serio e coherente, fronte ao que consideran unha política de oportunismo e contradición por parte do goberno local actual.