O BNG acusa ao goberno de Viveiro de frear un proxecto para aforrar o 50 % na factura da luz

O BNG de Viveiro vén de censurar con dureza o que cualifica como “desinterese total” do goberno local do PP á hora de continuar co proxecto para contratar unha Empresa de Servizos Enerxéticos (ESE), unha iniciativa impulsada polo anterior executivo nacionalista que permitiría actualizar o alumeado público e reducir á metade o gasto enerxético municipal.
No último pleno da Corporación, a concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, pediu información sobre o estado do expediente. Tal e como explicou, o proxecto fora desenvolvido durante o seu paso pola área de obras, e incluía unha auditoría enerxética das instalacións municipais como paso previo á contratación da ESE. “Tratábase dun modelo moderno, sustentable e xa practicamente listo para ser valorado na Mesa de Contratación”, afirmou.
Porén, a resposta ofrecida pola alcaldía causou sorpresa nas filas nacionalistas. Segundo relataron, desde o executivo local argumentouse que o documento técnico é “difícil de comprender” e contén “demasiados datos”, polo que require máis tempo de lectura. Para Bermúdez, esta escusa reflicte “falta de preparación e nulo interese por parte dun goberno máis preocupado polo soldo que por aforrar cartos públicos”.
O modelo proposto polo BNG permitiría que a empresa contratada asumise os custes da modernización da rede de alumeado e do sistema de calefacción dos edificios municipais, sen necesidade de investimento inicial por parte do Concello. Trátase dun sistema que xa se aplica noutros municipios con resultados positivos tanto no aforro económico como na redución de emisións contaminantes.
“O PP nin sequera se molestou en analizar o proxecto, que é unha oportunidade clara para mellorar a eficiencia enerxética e aforrar diñeiro público”, apuntou Bermúdez. Recordou, ademais, que no último exercicio a factura da luz superou o millón de euros. “Pero parece que para a alcaldesa, coñecida xa como 'a 60k', isto non supón unha preocupación real”, engadiu con ironía.
Desde o BNG insisten en que propostas como esta son claves para construír un Viveiro máis sostible e moderno. Lamentan, así mesmo, que o actual goberno local estea a deixar morrer iniciativas que xa estaban practicamente encamiñadas, demostrando “unha alarmante falta de visión de futuro”.