O BNG acusa ao goberno de Ribadeo de mala xestión polo atraso nas obras do Hospital Asilo

AMariñaXa
Os nacionalistas critican as sucesivas prórrogas, a falta de información e o “xogo de palabras” do alcalde sobre o estado do proxecto
Ribadeo-BNG-xuno-2025
31 Oct 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Ribadeo criticou duramente o “atraso evidente” nas obras da residencia do Hospital Asilo, cualificándoo como “a crónica dun fracaso anunciado”. Segundo explican, o proxecto acumula demoras continuadas e unha xestión “pouco transparente” por parte do goberno local.

O grupo nacionalista lembra que inicialmente estaba previsto que as obras rematasen o 25 de abril de 2025, mais esa data foi prorrogada primeiro até o 25 de setembro e, posteriormente, até o 25 de novembro do mesmo ano. Esta última prórroga nin sequera chegou a aplicarse, segundo denuncian, “debido ao concurso de acredores da empresa construtora”.

O BNG subliña que “nos primeiros catro meses só se executou o 1,2% da obra” e que, malia o optimismo expresado polo goberno municipal en distintas ocasións, a evolución real foi “moi inferior ao prometido”. Así, a 27 de setembro de 2024, coincidindo coa visita da conselleira de Política Social, Fabiola García, o Concello aseguraba que os traballos ían “a bo ritmo”, cando en realidade só estaba completado o 26,42%. A principios de novembro a cifra apenas ascendía ao 32,74%, segundo a certificación do director de obra.

A formación nacionalista engade que, malia as declaracións do alcalde en febreiro de 2025 asegurando que “as obras avanzan a bo ritmo”, a certificación de marzo indicaba un 67,41% de execución, e en abril, case no final do prazo, só se acadaba o 71%, con 473.000 euros pendentes de investimento.

Ante a situación, o BNG acusa o rexedor de “improvisar argumentos” e “xogar coas palabras”, substituíndo o termo prórroga por ampliación de prazo para minimizar o problema. “Negouse a facilitar copia do proxecto modificado alegando que aínda se estaba a preparar”, explican, e engaden que “cando se lle reclamou documentación, respondeu con evasivas”.

Na reunión da Xunta de Portavoces do 21 de outubro de 2025, o alcalde admitiu que a empresa traballaba con “moito retraso”, malia ter defendido en público que as obras avanzaban correctamente. “En que quedamos?”, preguntan desde o BNG. “Se se fixeran as cousas ben desde o principio, as obras estarían xa rematadas e os usuarios poderían regresar á residencia de Ribadeo”.

O grupo nacionalista conclúe asegurando que este episodio “demostra unha vez máis a falta de planificación e de rigor” do executivo local. “Este alcalde é un fraude político”, engaden, “porque pretende disfrazar a súa mala xestión con xogos semánticos e desculpas que xa ninguén cre”.

⚙ Configurar cookies
0.072149038314819