O BNG acusa ao goberno de O Valadouro de “desorde” e “falta de respecto” tras unha nova modificación orzamentaria

AMariñaXa
Eduardo Chao critica que o alcalde, José Manuel Lamela, non aclarase o destino dos 155.000 euros reaxustados e denuncia interrupcións e “desprezo” durante o pleno
Bng-O-Valadouro-Feira-do-Mel-2025
18 Nov 2025

O pleno municipal de O Valadouro, celebrado este martes ás 14:30 horas, deixou ao descuberto unha nova confrontación política entre o grupo de goberno —Partido Popular e Udival— e a oposición. Segundo o Bloque Nacionalista Galego, a sesión puxo en evidencia “a falta de respecto constante á veciñanza e aos grupos municipais” e mesmo o “descoñecemento” do propio alcalde, José Manuel Lamela, sobre o contido das propostas que el mesmo presentaba para aprobación.

Nesta ocasión, o executivo local levou a pleno unha modificación do orzamento de gastos por un total de 155.000 euros, a segunda que se tramita desde maio, mes no que se aprobaron as contas municipais. O axuste supón reducir 115.000 euros da partida de persoal e 40.000 euros dos fondos destinados a obras na Praza de Santa María. Tal contía, segundo se recolle na proposta, pasará integramente a gasto corrente, incluíndo o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), actividades de Nadal e outros gastos diversos.

O voceiro do BNG, Eduardo Chao, cuestionou con firmeza esta nova reestruturación orzamentaria e reclamou explicacións detalladas. “Pediulle ao alcalde que aclarase que se pensa facer con esas consignacións, pero lonxe de obter unha resposta clara, recibimos faltas de respecto, interrupcións e insultos”, asegurou. Chao tamén denunciou que se lle retirase a palabra sen motivo algunha, lembrando que calquera persoa pode comprobar a situación na retransmisión pública do pleno na canle de YouTube do Concello.

Para o representante nacionalista, “este goberno de conveniencia entre PP e Udival está a devolvernos ao pasado, reproducindo tics sectarios e pouco propios dunha administración democrática”. Engadiu ademais que “o sistema de baleirar partidas para levalas ao capítulo 2, sen explicacións nin xustificacións, preocupa profundamente” e advertiu que “a veciñanza merece saber en que se emprega cada euro”.

Chao concluíu augurando que “a opacidade e a improvisación” nas contas municipais poden derivar en novos conflitos se non se modifica a liña de actuación do executivo local.

⚙ Configurar cookies
0.076915979385376