O BNG acusa ao alcalde de Ribadeo de executar obras na rúa Deputación sen autorización de Patrimonio

O BNG de Ribadeo vén de denunciar publicamente que o alcalde, Daniel Vega, levou a cabo unha intervención na rúa Deputación sen contar coa preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio. Segundo indica o grupo nacionalista, a actuación realizouse á marxe da normativa e sen os permisos necesarios, o que podería derivar nun novo expediente sancionador para o Concello.
Tras case un mes de espera, e logo de solicitar formalmente a documentación correspondente, o BNG puido confirmar que o goberno local actuou sen a cobertura legal esixida. “Unha vez máis, o alcalde actúa de costas á legalidade, como xa fixera noutras ocasións, incluída a polémica colocación do chamado ‘mamotreto’”, sinalou o voceiro municipal, Pablo Vizoso.
O concelleiro nacionalista asegura que a propia Dirección Xeral de Patrimonio instou ao Concello a dar explicacións sobre esta intervención urbanística, e considera especialmente grave que, lonxe de asumir responsabilidades, Daniel Vega prefira “lanzar declaracións fantasiosas sobre un terreo que, segundo o PXOM, está destinado a uso residencial e é fundamental para atender as necesidades de vivenda en Ribadeo”.
Desde o BNG acúsase ao rexedor de manter unha actitude de “incumprimento sistemático da normativa vixente, sen importarlle as consecuencias legais nin o impacto urbanístico das súas decisións”. O grupo esixe que se clarifique de inmediato a situación e que se respecten os procedementos establecidos en materia de protección patrimonial.