O BNG acusa ao alcalde de Ribadeo de eludir a súa responsabilidade na obra do abastecemento de auga

O BNG de Ribadeo criticou con dureza a actitude do actual goberno municipal do Partido Popular, ao que acusa de “pretender despistar á veciñanza” sobre a responsabilidade que lle corresponde asumir na reforma do sistema de abastecemento de auga. A formación nacionalista lembra que a Xunta de Galicia decidiu agora financiar a maior parte do proxecto, pero que o Concello debe achegar o 20% do investimento, unha cantidade que o executivo local “non está en condicións de cubrir pola súa propia xestión económica”.
Desde o Bloque lembran que “non é a primeira vez” que o equipo de goberno perde subvencións por non poder aportar a parte municipal, algo que atribúen á “mala administración dos remanentes dispoñibles”. “Gastaron o aforro do Concello e agora non hai liquidez nin para pagar facturas a tempo nin para facer fronte ás achegas necesarias cando chegan investimentos doutras administracións”, aseguran.
O BNG cualifica de “contraditoria e oportunista” a postura do PP en relación coa competencia da obra, lembrando que durante anos “defendían que o abastecemento era responsabilidade exclusiva do Concello” cando a Xunta se negaba a colaborar. “Mesmo Daniel Vega xustificou daquela que Ribadeo debía destinar os fondos de cooperación local á reforma do abastecemento. Agora, cando a Xunta finalmente se compromete a financiar o proxecto, o PP cambia o discurso e tenta eludir a súa parte”, apuntan.
Os nacionalistas consideran que o alcalde Daniel Vega está “máis centrado en crear polémicas e seguir a estratexia política de Elena Candia na Deputación de Lugo ca en resolver os problemas reais do municipio”. Nesa liña, acúsano de “usar Ribadeo como ferramenta partidista” e de “tentar culpar aos demais da súa propia falta de solvencia”.
O BNG destaca que a Deputación de Lugo “foi quen de demostrar un compromiso constante co concello” con actuacións de grande impacto nos últimos anos. “As obras do pavillón, a residencia de maiores ou as melloras do viario son exemplos claros do esforzo inversor da Deputación, do que hoxe se beneficia toda a veciñanza”, lembran.
Desde a formación nacionalista fan un chamamento ao rexedor para que “abandone a confrontación política e as escusas” e actúe con responsabilidade: “Céntrese, alcalde. Céntrese e achegue a parte que lle corresponde para que a obra do abastecemento de auga sexa unha realidade. Ribadeo non pode volver perder unha subvención importante por culpa da súa falta de planificación”.
O BNG conclúe advertindo que “por moito que Vega queira desviar a atención, non logrará ocultar a situación económica na que deixou o Concello nin o seu modo errático de gobernar”.