O BNG acusa á Xunta e ao PP de “castigar” á Pontenova ao rexeitar a ampliación do polígono industrial

O BNG da Pontenova cargou duramente contra a Xunta de Galicia e o Partido Popular tras coñecerse que a Consellería de Economía e Industria decidiu non investir na ampliación do polígono industrial da Pontenova, argumentando unha suposta falta de demanda de solo. Desde a asemblea local nacionalista cualifican esta decisión como “un novo exemplo de marxinalización política” e aseguran que “a realidade é ben distinta”, xa que existe demanda empresarial e consenso político para executar a obra.
Segundo lembran, no pleno municipal do pasado mes de setembro todos os grupos, incluído o Partido Popular, apoiaron por unanimidade unha moción para instar á Xunta e a Xestur S.A. a acometer de forma inmediata a ampliación do recinto industrial. “O concello fixo os seus deberes, polo que non é de recibo este desplante ao municipio e á súa veciñanza”, afirmou o edil nacionalista Xorxe Gómez Rico, quen considera que detrás desta decisión “hai unha clara actitude sectaria do PP desde as institucións, castigando aos concellos que non son da súa cor política”.
O BNG anunciou que o deputado Daniel Castro presentará unha emenda aos orzamentos autonómicos para incluír novamente a partida destinada a esta actuación. Explican que a demanda de solo industrial na Pontenova “é constante desde hai anos”, e lembran que no ano 2016 o Concello asinou un convenio coa Xunta para legalizar o polígono e ampliar a superficie dispoñible nun prazo dun ano. “A pesar de que o proceso de legalización se completou, Xestur non cumpriu o acordado”, apuntan.
Nos orzamentos de 2024, a Xunta chegou a consignar 400.000 euros para a ampliación, pero a partida “non foi executada”, e no **exercicio de 2025 nin sequera figura dotación algunha para esta obra”, denuncian.
O BNG insiste en que a ampliación é urxente para garantir a continuidade das empresas instaladas e favorecer a chegada de novos proxectos ao municipio, “fortalecendo o tecido económico e industrial no rural”.
O portavoz local, Xorxe Macía, apelou ao sentido común do Partido Popular e reclamou que “rectifique e acepte esta emenda para que a ampliación sexa unha realidade nun futuro inmediato”. O representante nacionalista engadiu que “o PP ten que deixar de machacar á Pontenova: primeiro deixounos sen médicos no centro de saúde e agora frea o noso desenvolvemento industrial e empresarial”.