O BNG acusa á Xunta de desentenderse da Unidade de Atención Temperá de Burela

O BNG de Burela volveu poñer no punto de mira á Xunta de Galicia pola situación da Unidade de Atención Temperá (UAT) do municipio. A formación nacionalista lembra que o pasado 23 de xuño o deputado mariñán Dani Castro rexistrou no Parlamento unha pregunta para resposta escrita e unha Proposición non de lei na comisión 5ª, reclamando que a Administración autonómica asuma de maneira directa a xestión do servizo antes de que finalice o ano e en diálogo cos concellos afectados.
A resposta remitida recentemente pola Consellería de Política Social e Igualdade xerou malestar no BNG. Segundo a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade de Burela, Sandra Fernández, o documento oficial “está cheo de inexactitudes e tenta desviar a atención para non asumir responsabilidades”. Fernández lembrou que a unidade é de titularidade municipal desde 2006, cando pasou de depender da Mancomunidade da Mariña ―formada polos 16 concellos da comarca― a ser xestionada polo propio Concello de Burela. Ademais, desmentiu que o financiamento corra integramente a cargo da Xunta, xa que “só cobre os custes de persoal, mentres que o Concello debe facerse cargo do espazo, a limpeza, o mantemento e as ferramentas de traballo”.
A edil tamén cualificou de “especialmente grave” a versión autonómica sobre a praza de logopeda. “É falso que os servizos sociais aceptasen a externalización. O que pedimos foi que a Xunta asumise a contratación. De feito, xa estamos tramitando unha contratación provisional por nove meses para garantir o servizo ata que se aprobe a nova RPT, porque defendemos uns servizos públicos de calidade fronte ás fórmulas privatizadoras ás que a Xunta recorre habitualmente”, apuntou.
Pola súa parte, o deputado Dani Castro sinalou que a resposta da Consellería “amosa un descoñecemento absoluto da realidade da unidade”, lembrando que o espazo actual non permite a incorporación de máis profesionais, polo que o Concello solicitou xa hai meses a cesión da antiga Casa do Mar para poder ampliar despachos e mellorar a atención.
Castro insistiu en que a competencia é da Xunta: “Non é asumible que un concello teña que manter un servizo sociosanitario cun cadro de profesionais superior ao dun centro de saúde. O que pedimos é que a Xunta, en coordinación co Goberno central, poña en marcha un gran centro de servizos sociais de referencia comarcal, onde se integre a UAT xunto con outros servizos como a UAD, os servizos sociais comunitarios ou o CIM”.