O BNG acusa á Xunta de abandonar a Atención Temperá da Mariña e forzar a súa privatización

AMariñaXa
O Bloque denuncia que o goberno galego desenténdese dun recurso fundamental para a infancia e esixe que o asuma de forma directa e urxente
Atencion-tempera-Sarria-2-
20 Jun 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de denunciar a situación de “abandono institucional” que sofre a Unidade de Atención Temperá da Mariña, con sede en Burela, e acusa á Xunta de Galicia de pretender privatizar o servizo en lugar de asumir as súas obrigas como administración competente.

Este recurso, xestionado polo Concello de Burela desde 2006, atende a crianzas de 0 a 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou risco de padecelos, así como ás súas familias. A pesar de estar recoñecido dentro da Rede Galega de Atención Temperá, é o municipio quen vén asumindo en solitario a súa organización e financiamento.

A concelleira de Asuntos Sociais e Igualdade polo BNG, Sandra Fernández, lembrou que a unidade atende a nenos e nenas de oito concellos da Mariña: Ribadeo, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo e O Valadouro. “A carga está a recaer nun único concello para un servizo comarcal, e iso é insostible”, afirmou. Actualmente, o equipo atende a 50 usuarios activos cunha lista de agarda doutros 40, o que evidencia a alta demanda e a falta de recursos humanos suficientes.

Segundo denunciou Fernández, a situación agravouse tras a perda da praza de logopeda, que non se puido renovar por tratarse dun contrato temporal e pola ausencia deste posto na Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello. “Mentres pedagoga e psicóloga si están estabilizadas, o posto de logopeda quedou no aire”, explicou.

A proposta que o BNG considera inadmisible chegou da Consellería de Política Social, que suxeriu externalizar o servizo a través dunha empresa privada. “Non só non se fai cargo a Xunta, senón que pretende que o Concello busque unha solución por fóra, privatizando un servizo público esencial”, declarou Fernández, que cualificou a proposta de “desleixo absoluto”.

O tamén edil do BNG en Burela, Mario Pillado, insistiu en que “non se pode permitir que a única resposta do goberno galego sexa mirar para outro lado ou derivar a xestión a unha empresa”. Subliñou que “a atención temperá é vital para a infancia e require estabilidade e compromiso institucional, non parches improvisados nin fórmulas privatizadoras”.

O portavoz municipal do BNG e alcalde de Burela, Daniel Castro, afirmou que esta situación encaixa “na estratexia do PP de desmantelar os servizos públicos na Mariña” e de transferir competencias impropias aos concellos, en especial aos gobernados por forzas distintas ao Partido Popular. “Levan anos recortando en sanidade e agora repiten o patrón nos servizos sociais”, indicou.

Castro denunciou que a Xunta “tenta escapar da súa responsabilidade ao propoñer que Burela privatice un servizo que lle corresponde directamente ao goberno galego”. Engadiu que esta política “empobrece os recursos municipais e deixa en mans do mercado cuestións que deberan estar garantidas polo público”.

Desde o BNG anunciaron a presentación de iniciativas institucionais para esixir que a Xunta asuma de forma inmediata e directa a xestión da Unidade de Atención Temperá, en diálogo cos concellos implicados e coa previsión de recursos humanos e materiais suficientes. “O Bloque non vai permitir que se siga desmantelando o benestar da Mariña”, concluíron.

⚙ Configurar cookies
0.1804940700531