O Bloque apoiou no Parlamento á iniciativa a xestión galega dos encoros

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
23 Oct 2019

A portavoz de Industria nacionalista, Noa Presas, mostrou  o apoio do BNG á Iniciativa Lexislativa Popular defendida por Fernando Branco Parga,  responsable de Enerxía da Confederación Intersindical Galega. Na súa intervención, Presas afirmou  que a “xestión pública dos saltos e encoros permitiría a Galiza obter recursos e medidas que revertan en beneficio das zonas afectadas con condicións económicas e sociais máis desfavorábeis para que poidan ter unha menor factura do seu consumo eléctrico”. 

“Hoxe somos a reserva enerxética do Estado cun modelo contrario aos intereses e necesidades de Galiza. E temos que darlle a volta exercendo o poder político que nos corresponde” porque levamos máis de cen anos con algunhas centrais e saltos que xeran grandes beneficios “privados” a partir dun ben público como é a auga.

Entre moitos exemplos, Presas citou O Pindo no Río Xallas dende 1905, Tronzeda, en Mondoñedo, 1906, Freixa I, sobre o río Verdugo,  Pontecaldelas (1905) ou Leboreiro, sobre o Río Mao, todas elas anteriores ao ano 1910  aínda que posteriormente, o 70% da gran hidráulica galega é “filla da Ditadura franquista”. 

Imos votar favorablemente a tramitación deste texto, anunciou  a deputada, porque “o 100% da enerxía é un ben básico, un servizo público e non  un elemento de especulación”, moi ao contrario do modelo instaurado por PP e PSOE desde o Estado, que fai que cada día sexa un produto de luxo, dixo.

Temos  a responsabilidade de converter a xeración enerxética nunha panca de impulso para o desenvolvemento económico e social. Galiza non pode permitir que as empresas cerren polo prezo da luz e que as persoas que viven pegadas ás centrais hidroeléctricas “non podan pagar a luz”.

Presas apostou por  un novo modelo enerxético, para incrementar  a competencia e recursos que enriquezan a Galiza, “non a outros territorios e petos”.

O papel de Galiza na produción eléctrica é froito dun deseño alleo, imposto  desde o Estado, sen que o noso país puidera opinar ou decidir, explicou.

BELESAR. Para deputada existe un claro exemplo que representa a  imposición de encoros en Galiza, Belesar, a cargo de Barrié de La Maza, Conde de Fenosa e promotor do saqueo do Pazo de Meirás quen anunciou a súa construción nun acto en Vigo no ano 1949 como recolle o xornalista Alfredo Pardo:  “Cuando el Caudillo llega al Pazo de Meirás para descansar, su primera pregunta es: “¿Cómo van las obras hidroeléctricas de Galicia?” atento a todo cuanto signifique progreso y bienestar”. 

“Progreso e benestar selectivo, para as oligarquías do poder, pero desde logo non para o pobo galego e non para a veciñanza afectada” recalcou a nacionalista ao que sumou o gran número  de aldeas desaparecidas por asolagamentos como: Taboada, Chantada, Saviñao, Paradela, Páramo, Guntín e o propio Portomarín, trasladado a outro lugar. 

Pero, engadiu Noa Presas poderíamos referirnos aos Peares, construído coa man de presos políticos do franquismo ou  Castrelo de Miño acuñado por Otero Pedrayo como “feudalismo hidroeléctrico”, un feudalismo, dixo, que non rematou co franquismo porque nos ano 90 os veciños e veciñas de Aceredo viron desaparecer as súas casas polo  encoro de Lindoso. 

A deputada asegurou que Galiza vive nunha grave crise industrial e que precisa un novo modelo enerxético. Estamos xa nunha nova recesión, con máis de “6.000 empregos industrias na picota”, alertou.

“Temos competencias e temos capacidade polo que demandamos do  PP que asuma que goberna un país porque este país merece facer do sector enerxético un elemento de futuro”. 

Sabemos que é posible e sabemos que hai que reivindicar o noso dereito como galegos a que o beneficio veña para aquí. Estamos nun  debate relacionado con quen xestiona os nosos ríos. “Pensemos na gran hidráulica, máis do 50% en Ourense” e quen decide sobre os ríos de Ourense? “Madrid: A Confederación Miño Sil e a do Douro”.

Temos que acabar co uso especulativo da auga na xeración de electricidade e  garantir que esta tecnoloxía cumpra a súa función na transición cara a un sistema eléctrico renovábel. Os  galegos e galegas queremos o un retorno económico que nos corresponde como país produtor e unha compensación dos custes ambientais que soportamos no pasado e  seguimos soportando.

“Nin feudalismo, nin franquismo eléctrico, democraticemos a produción enerxética”, concluíu.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.12022304534912