O barrio dos Muíños loce un mural que rende tributo á súa tradición artesá

AMariñaXa
A obra, realizada pola artista grega Juana Page con colaboración veciñal, pon en valor os antigos oficios do histórico barrio mindoniense
Mondonedo-mural-Juana-Page-barrio-muinos-2025
23 Apr 2025

O Concello de Mondoñedo vén de inaugurar un novo mural no barrio dos Muíños que afonda na memoria histórica e cultural desta zona emblemática da cidade. A autora da obra é Juana Page, unha artista de orixe ateniense que deixou a súa pegada en Mondoñedo cunha pintura que homenaxea a tradición artesá que durante séculos deu vida ao barrio.

A intervención artística centra a súa atención en oficios tradicionais como a fiaduría e a olería, actividades que foron sinal de identidade dos Muíños e que, a través desta iniciativa, recuperan visibilidade e recoñecemento. O mural é un percorrido visual pola herdanza artesanal que marcou a historia e o carácter da veciñanza.

O Concello, que colaborou activamente no proxecto, quixo expresar o seu agradecemento á muralista pola súa implicación e xenerosidade ao realizar a obra de forma desinteresada. Tamén recoñeceu a participación de dous mozos mindonienses, Ilduara e Diego, que botaron unha man no proceso de creación, así como o apoio do resto dos veciños e veciñas que achegaron datos e recursos para dar forma á proposta.

Desde o goberno municipal destacan que esta obra súmase aos atractivos culturais do municipio e serve como novo reclamo para achegarse ao barrio dos Muíños e coñecer de primeira man o seu legado. “É un exemplo de como a arte pode conectar o pasado co presente e revitalizar espazos cun forte valor simbólico”, sinalaron fontes municipais.

⚙ Configurar cookies
0.16280388832092