O autobús de 'Tu futuro se escribe con D' estará en Foz ata o xoves
O Concello de Foz recibiu o autobús de RTVE que leva por toda España a campaña denominada Tu futuro se escribe con D. Estará situado diante da Casa do Concello ata o xoves 24 en horarios de 12 a 14 e de 15.30 a 20.30 horas para todos aqueles que queiran visitalo.
A concelleira de Participación Cidadá, Elena Martínez Pena, mostrouse “moi contenta por esta campaña que vai acoller a moitos rapaces e persoas de calquera idade que queiran aprender sobre novas tecnoloxías e familiarizarse co mundo dixital”.
O alcalde de Foz, Francisco Cajoto, que estivo na presentación da actividade con Martínez Pena, cre “moi importante o contacto de todos coas novas tecnoloxías, que son o presente de todos e esta actividade é un moi bo modo de relación entre xeracións”.
O autobús conta con xogos, como un scape room dixital ou o coñecidísimo xogo da oca, pero tamén en formato dixital; unha forma de practicar os contidos aprendidos, que se centrarán en utilizar teléfonos móbiles, navegación con mapas, como realizar unha videoconferencia, uso de redes sociais, un robot educativo ou Eva, que é un asistente dixital.
A concelleira e o alcalde animan á cidadanía a participar nesta actividade, “que é unha forma sinxela de aprender divertíndose e de coñecer a outros veciñ@s con interese en mellorar nas competencias dixitais”, finaliza Elena Martínez.