O Auditorio de Burela acollerá unha velada musical á luz das velas dedicada a Michael Jackson e Queen

AMariñaXa
O espectáculo “Noches Encendidas” ofrecerá voces en directo e unha posta en escena íntima o 29 de novembro, cun tributo a dous iconos fundamentais da música universal
Noches-encendidas---Burela-2025
19 Nov 2025

O Auditorio Municipal de Burela converterase, o vindeiro 29 de novembro ás 20:00 horas, nun espazo de encontro para os amantes da música internacional coa chegada do espectáculo “Noches Encendidas: Una noche a la luz de las velas”. A proposta, organizada por La Opción Producciones e Diverfest, promete unha atmosfera cálida e envolvente grazas a unha iluminación baseada exclusivamente en velas, que acompañará interpretacións en directo de temas inesquecibles.

A función renderá homenaxe a Michael Jackson e Queen, dous nomes que marcaron de forma decisiva a historia da música moderna e cuxo legado continúa a inspirar xeracións de artistas e seguidores. As súas melodías, recoñecidas en todo o mundo, serán revisadas nun formato próximo e emotivo, pensado para que o público goce dunha experiencia sensorial diferente.

As entradas xa están dispoñibles e poden adquirirse na Librería Aris (antiga Atril), situada na Rúa Rosalía de Castro, 31, así como a través da plataforma en liña www.dentralia.com

⚙ Configurar cookies
0.074437856674194