O auditorio de Burela acollerá a presentación da iniciativa 'A Mariña Lab'

AMariñaXa
Orientada ao desenvolvemento arredor da produción alimentaria e a sostibilidade na comarca da Mariña
lab-burela
16 Dec 2024

O vindeiro venres 20 de decembro, o auditorio municipal de Burela acollerá a presentación da iniciativa 'A Mariña Lab', un proxecto impulsado por 'Prato_Do' e financiado pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, orientado ao desenvolvemento arredor da produción alimentaria e a sostibilidade na comarca da Mariña.

A Mariña Lab configurarase como un instrumento para sensibilizar e formar en relación coa alimentación, a sostiblidade e a soberanía alimentaria no ámbito educativo e apoiar a creación e o desenvolvemento de proxectos produtivos neses ambitos, a través de encontros e accións coordinadas entre axentes do sector agroalimentario.

O deputado de Rural Daniel García explicou: “A presentación Burela será o punto de partida para a posta en marcha dunha iniciativa que ofrece recursos de formación, asesoramento e sensibilización para desenvolver o potencial produtivo da comarca no ámbito agroalimentario”. Así,  destacou “a importancia de abordar esta cuestión a nivel comarcal, tendo en conta a nosa estrutura social e económica”

A presentación, no auditorio municipal de Burela, articúlase en dúas partes, cunha primeira sesión -de 10 a 11 horas – que contará coa participación do alumnado de FP dos IES Monte Castelo e Perdouro de Burela e unha segunda -de 11 a 12 horas – na que se presentará a iniciativa a axentes do territorio e se establecerá un coloquio sobre as oportunidades, desafíos e proxectos que desenvolven as potencialidades do territorio para avanzar na transformación do sistema alimentario.

0.15229892730713