O Atrio de Vilaronte: “É un orgullo ver a parroquia chea de xente e os veciños anímante sempre”

Foz
AMariñaXa
A asociación prepara o programa de San Xoán a base de gastronomía e moita música que, xunto co Mercado Aos Pés de Cornería, correspóndese cunha das citas máis consolidadas
o_atrio_de_vilaronte_foz
Membros da asociación
9 Xuño 2024

Lucía Blanco

San Xoán de Vilaronte é unha pequena parroquia de Foz. Pero as ganas dos veciños por dinamizar a zona e por crear comunidade conseguen darlle vida a esta poboación mariñá na que cativos e maiores teñen máis que consolidadas cada unha das citas que promoven dende a asociación cultural O Atrio de Vilaronte. “Para iso o facemos, ás veces nas parroquias máis aló da festa do pobo non hai moito máis e o resto do ano está baleiro”, explica Dolores García, a presidenta.

Botaron a andar como comisión de festas pero agora as súas funcións van moito máis aló.

Xa hai moitos anos que comezou a asociación. Os rapaces que estaban nela encargábanse de facer a festa e a churrascada, pero pararon. De feito non estou segura se quedamos un ano sen festa. Despois, o irmán dun dos rapaces comezou a falar cos veciños para xuntarse e así empezamos no 2018.

Hai relevo xeracional?

Agora mesmo somos sete e a máis nova é a miña filla que ten 24 anos. Entón de momento hai, pero ás veces os maiores somos os que máis ganas temos de traballar —risas— e xa non só organizamos a festa.

Precisamente en maio organizaron a terceira edición do Mercado Aos Pés de Cornería. Que balance fan da cita?

Empezou tamén pola idea de facer un mercado aquí con 12 postos na primeira edición e este ano tivemos xa 46. Había un polbeiro que acabou tanto o polbo coma o xamón e veu xente de toda a Mariña e mesmo de Asturias, igual que os expositores que eran de distintos puntos. É algo que anima moito porque ver o pobo como o ves no mercado era algo novo, aínda que na churrascada tamén xuntamos xente.

Que preparan para este San Xoán?

Temos a churrascada o día 15 e estamos collendo o tíquets anticipados para saber o que temos que comprar. Ese mesmo día temos un festival folclórico ao que vén o Arco da Vella de San Miguel e O Feitizo de Foz e dá o pregón Pili, que é a profesora.

Está pensado para todos os públicos?

Para todos. Na churrascada a maioría son de Vilaronte pero é para todos os que se animen. O ano pasado vendemos máis de 300 racións e este ano non sei se a superaremos, pero a venda vai ben porque aínda queda tempo e as primeiras semanas sempre vai máis lento.

Como está a ser a resposta por parte dos veciños?

Moi positiva. Cando empezamos coa comisión eu nunca estivera e todo o mundo me dicía: “Uf verás o que supón ter que pedir polas casas!”. Entón eu ía con medo e teño que dicir que non tivemos ningunha mala palabra. De feito, había veces que timbrabamos e dicían: “Por fin chegaron os do San Xoán!”. Quedaba realmente sorprendida.

Ese apoio tamén axuda a seguir.

Fagamos o que fagamos axúdannos. Somos sete entón nós sós non damos organizado a churrascada, pero temos á xente de todos os anos que nos bota unha man, que nos din que xa teñen o día reservado. E iso anímate moito. E nas festas igual, varías por exemplo a orquestra para que guste a uns e a outros para que estean contentos.

Cales son as próximas citas que teñen en mente?

Cando pasa o San Xoán descansamos, pero sempre sae algunha idea, e en decembro facemos o acendido de Nadal. Collemos unha árbore cunhas luces ou co que podemos e o que nos axuda o Concello e organizamos unha chocolatada.

Asociacións como a súa son imprescindibles para manter a vida nas parroquias.

Eu penso que si, hai que traballar moito, pero compensa ver a túa parroquia chea de xente como vimos estes anos pola festa. Ver todo cheo diante da igrexa é un orgullo. De feito xa che preguntan a principios de ano cando é a churrascada.

 

0.19073486328125