O artista burelao Héctor Manasé estivo no IES Monte Castelo nun taller do Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña

AMariñaXa
Os colexios da Mariña poden participar  un ano máis no Festival audiovisual Imaxiña 2021. Este festival cumpre a súa undécima edición
29 Dec 2023

Hai tan só uns días, o artista burelao Héctor Manasé estivo co alumnado do IES Monte Castelo nun taller encadrado no Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña 2023. 

A fotografía urbana protagonizou a xornada coa confesión de Héctor Manasé como unha das súas debilidades: “A foto de rúa encántame, esa sensación de ir na busca do momento exacto, é cuestión de segundos. Se non o captas cando aparece ao mellor non volves ter a oportunidade” explicou así ao estudantado o artista, inmerso agora no mundo da tatuaxe, co estudo Lagaña Tattoo, e a ilustración, como gran colaborador do festival de música Osa do Mar, que en 2024 cumprirá o décimo aniversario. Precisamente na persecución dese instante xusto traballa o fotoperiodismo, outra das facetas de Héctor Manasé, coa que se sente moi identificado: “Hoxe en día se me deran a escoller entre foto de prensa e tatuaxe, creo que me decantaría pola foto”, recoñeceu ante o alumnado burelao.

Baseándose no seu traballo en branco e negro (Instagram: @fodelocarrete), Héctor Manasé brindou algún que outro truco para conseguir unha foto con impacto. Os contrastes de luz, as diagonais, o xogo da chuvia, as luces das farolas... foron algúns do elementos que abordou, ademais da forza que pode achegar a figura humana e da fotografía arquitectónica. Ás veces na imperfección está a beleza, aínda que nas paisaxes “os horizontes teñen que ser perfectos; esa é unha lei irrompible”, advertiu. 

Por último, Héctor quixo ensinar as cámaras coas que traballa habitualmente, en especial unha analóxica pola que sente moito aprecio: “A imaxe non ten a mesma nitidez pero precisamente ese é o encanto” confesou o artista multidisciplinario ofrecendo como último consello o rexeitamento dos filtros: “Aprendede a mirar e ver ao voso arredor para buscar a foto pura. Moitas veces é cuestión de camiñar, pasar tempo e estar atento ao que acontece. Iso é o bonito”.

Recta final para recibir as fotografías do concurso

Xa estamos na recta final. O prazo límite para recepción das imaxes do concurso Imaxiña 2023 será o sábado 30 de decembro (ata as 00.00 horas).

Ata agora destacan o IES Alfoz-O Valadouro, o IES Monte Castelo e a Asociación Saúde Mental da Mariña como os centros máis participativos na iniciativa da Fundación Imdecum, que conta coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo. 

Nesta edición, coma nas anteriores, estarán dispoñibles dúas categorías. A de Estudantes terá aberta a participación de nove centros educativos de Secundaria da bisbarra comarca mariñá: IES Alfoz-O Valadouro, IES Marqués de Sargadelos, IES Perdouro, IES Monte Castelo, IES María Sarmiento, IES Vilar Ponte, IES Dionisio Gamallo, IES Illa de Sarón e IES de Foz. Na categoría de Asociacións participarán ASPANANE, Fundación Eu Son, Asociación Saúde Mental A Mariña e Asociación Camiña. 

Cada categoría contará cun premio, un vale por 150€ para gastar en material fotográfico ou informático en Informática Lindín.

Xunto a Héctor Manasé e o presidente de Imdecum, Marcelino Luna, a 13ª edición do concurso contará tamén co criterio do burelao David Mon, director de Kaito Estudios SL, e da fotógrafa cervense Sabela Blanco, colaboradora habitual do certame.

0.20144987106323