O Arco da Vella: continuidade, ilusión e vangarda en Barreiros

Por Ana Somoza.
En novembro de 2025, O Arco da Vella viviu un cambio histórico na súa directiva despois de 45 anos de liderado ininterrompido por Enrique Penabad. A nova candidatura encabezada por Laura Teijeira foi elixida por unanimidade pola asemblea, un apoio que, segundo os propios membros do equipo, supón “un gran sentido da responsabilidade para estar á altura desa confianza depositada en nós”.
Os integrantes da nova xunta lembran con emoción ese momento de transición. “Nun primeiro instante sentimos incerteza do que ía pasar e, xa logo, ao decidir dar o paso, con ilusión pero tamén cunha certa sensación de vertixe pola responsabilidade que asumíamos”, comentaban. A experiencia de asumir un proxecto histórico non é só persoal, senón tamén colectiva, porque para moitos deles O Arco da Vella forma parte da súa vida desde a infancia.
Para varios membros da nova directiva, asumir esta responsabilidade foi un paso natural. “Creemos que era algo que tarde ou cedo ía pasar. Crecemos dentro da asociación e fomos creando un vínculo grande con ela, e non se nos pasaba pola cabeza que a continuidade puidese estar nin un minuto en entredito. Igual nos pillou co pé cambiado porque non contabamos que fose xa, pero logo do choque inicial enseguida nos puxemos mans á obra”, explicaban, subliñando a mestura de ilusión e responsabilidade que caracteriza esta etapa.
RESPONSABILIDADE. O relevo de Enrique Penabad marcou un antes e un despois para o colectivo. A súa capacidade para estar pendente de todos os detalles era extraordinaria: “O que aprendemos e queremos manter é que non se deixa nada ao azar, estar sempre pendente ata do máis mínimo detalle. Hai que ter moita capacidade e moita, moita, dedicación”, explicaban. Conscientes da magnitude do legado, os novos responsables organizaron a distribución de tarefas para manter un nivel de excelencia similar ao anterior.
A nova xunta traballa con criterios colexiados, tomando decisións colectivas, pero tamén aproveitando as novas tecnoloxías para a coordinación diaria. “En apenas uns meses o Drive está petado e o grupo de WhatsApp ferve todos os días”, comentaban, sinalando a importancia do contacto continuo entre compañeiros e amigos, e da capacidade de adaptar as ferramentas modernas á xestión dun proxecto histórico.
O papel da asociación na vida cultural e social de Barreiros segue a ser esencial. “Estamos falando dun entorno rural e durante moitos anos o papel da nosa e outras asociacións foi vital para dinamizar a vida cultural do pobo. Pero tamén integrador, pois poucas casas e familias haberá no pobo nas que ninguén estea ou pasase pola asociación. O Arco da Vella ao final é tamén familia, é fogar para moitas persoas”, explicaban. Esta dimensión social complementa a artística, consolidando un vínculo emocional coas persoas socias, as familias e a veciñanza en xeral.
Un dos piares fundamentais da asociación é a escola de música e baile tradicional, con arredor de 100 alumnos e alumnas. A nova xunta reflexiona sobre os retos que supón manter esta actividade nun contexto rural: “O principal reto é aguantar o tirón. Estamos nunha contorna con poboación avellentada, e os rapaces e rapazas escasean. A maiores, nos últimos anos a oferta de ocio e deporte é moi superior á que había outrora, así que hai máis ‘competencia’ e non é doado captar alumnado”, comentaban. A importancia do prestixio acumulado ao longo de anos axuda a atraer alumnado doutros concellos, algo que consideran motivo de orgullo.
Outro desafío relacionado coa escola é a transición dos alumnos das categorías inferiores ao grupo “grande”. “Ás veces hai persoas ás que lles custa dar ese paso, polo que temos que acompañar e facilitar a continuidade”, explicaban. Esta preocupación evidencia a aposta da directiva por unha formación integral, que non só transmita coñecementos, senón tamén valores de compromiso e participación.
“Tratamos de impregnar esa ilusión e responsabilidade de facelo o mellor posible en cada cousa que facemos”
EVENTOS. O Arco da Vella organiza eventos moi consolidados, como a Cabalgata de Reis, a Foliada ou o Festival Infantil, que teñen un papel dinamizador para todo o territorio. “A cabalgata é incluso anterior á asociación e debe andar preto xa dos 60 anos de antigüidade. Agora hai unha institucionalizada polo Concello, pero nós pensamos que esa tradición non se pode perder”, explicaban. A escola interpreta un repertorio propio durante as festividades, algo pouco habitual en outras cabalgatas.
O Festival Infantil serve como colofón do curso académico da escola, poñendo en valor o traballo diario de profesores e alumnado. A Foliada, pola súa banda, funciona como unha xornada de festa previa ao Festival Internacional do Emigrante, liberando tensión e consolidando a preparación do evento principal. Este festival, que en 2026 celebrará a súa 43ª edición, é o buque insignia do Arco da Vella. A nova xunta destacou que, aínda que non entraron nos detalles da edición deste ano, a prioridade é manter as dinámicas e o proxecto que se viñeron realizando nos últimos anos: “Temos a sorte de recibir un gran legado de moitos anos de traballo detrás e a idea é darlle continuidade”, explicaban.
A preservación da calidade artística e organizativa é unha das prioridades principais. “Manter ese nivel en ambos aspectos é un obxectivo ambicioso, pero non escatimaremos dedicación, mantendo as liñas de traballo e aportando nalgunha cousa detalles ou visións nosas”, comentaban, indicando que incluso pequenas modificacións nos horarios das clases buscan facilitar a participación sen romper a dinámica consolidada.
“Crecemos dentro da asociación e fomos creando un vínculo grande con ela”
XERACIÓN. A nova xunta pertence a unha xeración que “non concibe a vida sen O Arco da Vella” e que trae consigo cambios metodolóxicos e tecnolóxicos. Entre eles destaca a informatización de procesos internos, como a alta de socios de forma telemática ou a xestión de inventarios. “Estamos aplicando medios máis tecnolóxicos na propia xestión do día a día”, explicaban.
Tamén hai unha reflexión sobre os roles de xénero e a adaptación das tradicións ás novas realidades sociais. “No baile e nas coplas estamos revisando aqueles elementos que denigran o papel da muller e promovendo unha maior igualdade”, subliñaban. Para a xunta, o folclore non pode quedar alleo ás transformacións sociais, e a adaptación das prácticas tradicionais reflicte un compromiso con valores contemporáneos.
A nova xeración tamén busca reforzar o sentido de comunidade: “O Arco da Vella é como unha gran familia. Toda a veciñanza se implica e se sinte parte dela, aínda que sexa en pequenos detalles”, comentaban, lembrando episodios como a colaboración masiva na recollida da Cabalgata, onde en apenas 15 minutos estaba todo organizado grazas á participación espontánea da veciñanza.
“Temos a sorte de recibir un gran legado de moitos anos de traballo detrás e a idea é darlle continuidade”
FUTURO. O futuro da música e do baile tradicional entre os máis novos combina entusiasmo artístico co desafío do asociacionismo. “O nivel de grupos e artistas é tremendo. Galicia considérase unha potencia a nivel musical en Europa, e o traballo de recollida e salvagarda do patrimonio inmaterial é impagable”, explicaban, subliñando a riqueza cultural que a asociación contribúe a preservar.
Non obstante, tamén existen retos derivados das novas dinámicas sociais: “Á xente agora cústalle máis comprometerse en proxectos colectivos, ter constancia nos ensaios… prima máis o individualismo”, comentaban. A nova xunta confía en que a implicación das familias e socias continuará sendo clave, e están estudando ofrecer algunhas exclusividades ou recoñecementos como agradecemento a ese apoio.
Para resumir a nova etapa, a xunta recorreu a Manuel María: “O Arco da Vella de luz feito é, resulta un milagre que siga en pé”. Esta frase simboliza a continuidade dun proxecto histórico nun contexto rural, a ilusión e o orgullo de manter viva unha asociación que forma parte da identidade cultural e social de Barreiros, e a vontade de que siga a ser un referente para futuras xeracións.
A combinación de tradición e vangarda, compromiso colectivo e innovación metodolóxica, así como a participación activa da veciñanza, fai que O Arco da Vella continúe a ser un exemplo de asociacionismo cultural. “Trátase de manter un legado, transmitir valores e fomentar a música e o baile tradicional, pero tamén de adaptar todo iso ás novas realidades sociais e tecnolóxicas”, concluían, resaltando que o futuro da asociación depende tanto da preservación da súa historia como da capacidade de innovar e integrar ás novas xeracións.