O Arco da Vella abre o curso 25/26 con novas propostas de música e baile en San Miguel de Reinante

AMariñaXa
A agrupación folclórica programa clases para nenos e adultos que comezarán o 10 de outubro nos Colexios Vellos
AF Arco da Vella
22 Sep 2025

A Agrupación Folclórica O Arco da Vella de San Miguel de Reinante, en Barreiros, xa ten listo o calendario de actividades para o curso 2025-2026. O colectivo anunciou que as clases comezarán o 10 de outubro e desenvolveranse nas instalacións dos Colexios Vellos da parroquia barreirense, cunha oferta pensada para todas as idades.

Segundo informaron desde a organización, haberá grupos para crianzas nadas entre 2019 e 2022, que terán o primeiro contacto co baile e a pandeireta. Os mozos e mozas de 2014 a 2018 poderán iniciarse na gaita, no tamboril e no bombo, ademais de participar en sesións de baile e pandeireta. Pola súa parte, a rapazada de 2007 a 2013 contará tamén con clases de instrumentos tradicionais, ademais de baile e pandeireta.

O programa amplíase con propostas para adultos, tanto para quen queira iniciarse como para quen desexe perfeccionar coñecementos. No primeiro caso, as clases de baile terán lugar os xoves, mentres que os venres será a quenda da gaita, o tamboril e o bombo. Para o nivel de perfeccionamento, o alumnado adulto contará con clases específicas de instrumentos, baile e pandeireta.

A entidade destacou que o obxectivo destas actividades é “manter viva a tradición, transmitir os valores da nosa cultura e fomentar o encontro interxeracional a través da música e do baile”.

As persoas interesadas poden solicitar máis información ou formalizar a súa inscrición a través dos teléfonos 628 73 92 24 e 686 15 61 70. A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Barreiros e da Deputación de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.086789131164551