O apagamento eléctrico de onte en España impacta gravemente en Alcoa San Cibrao

O gran apagamento rexistrado na tarde de onte en boa parte do territorio español tivo consecuencias directas na factoría de Alcoa en San Cibrao, onde o corte inesperado do subministro eléctrico xerou unha situación de elevada gravidade para o funcionamento do complexo industrial.
Segundo informou José Antonio Zan, presidente do comité de empresa, unhas 40 das 512 cubas que se atopaban en fase de reactivación quedaron danadas debido á falta de corrente. O proceso de arranque das cubas é altamente delicado e non soporta interrupcións, polo que as previsións máis pesimistas xa contemplaban que unha parte podería verse comprometida.
Con todo, a maior preocupación céntrase na planta de alúmina, onde a parada da actividade debido á falta de enerxía podería provocar a solidificación do material, un escenario que suporía a paralización total do proceso industrial. “Se se esgotan os xeradores de emerxencia que están a manter os sistemas básicos, poderiamos estar ante un problema practicamente irreversible”, advertiu Zan.
O servizo eléctrico restableceuse en San Cibrao ao redor das 18:30 horas, pero a dirección da fábrica e o comité sindical están agora avaliando os danos reais ocasionados polo apagamento, nun momento especialmente sensible para a planta, que se atopa en pleno proceso de recuperación.
Desde o comité de empresa insisten en que é imprescindible unha análise detallada da situación nas dúas instalacións principais para valorar o alcance do impacto e garantir a seguridade e viabilidade da produción.