O alumnado dos Ceips de Burela asistiu a unha obra de teatro interactivo en inglés
O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria dos Ceips Vista Alegre e Virxe do Carme asistiu no auditorio da Casa da Cultura de Burela a unha obra de teatro interactivo en inglés da Compañía Face2Face.
Os rapaces desfrutaron dunha adaptación da historia de Tarzán no idioma de Shakespeare. Segundo explican desde as dirección dos centros “o inglés entendeuse fenomenal porque os dous actores principais conectaron co público infantil de marabilla, facendo que todos participaran da obra”.
E agradecen “ao Concello de Burela e en particular ao señor concelleiro de Cultura e Educación, José Díaz, a súa implicación cos dous colexios de Burela para favorecer que todo o noso alumnado poida ter máis contacto co teatro a idades temperás”.
Pola súa banda, o edil burelés José Diaz dixo: “pensamos que colaborar cos Ceips neste aspecto e algo bo para os seus alumnos. É unha forma de aprender divertíndose e interactuando cos actores das obras. Estiven pola mañá no auditorio con eles e resultou fácil comprobar que a actividade encantoulles”.
O concelleiro de Cultura e Educación agarda “poder seguir colaborando con eles neste sentido na medida do posible e agradecemos o interese demostrado tanto polas directoras de ambos centros educativos como do profesorado”.