O alumnado do IES Ribadeo participa nun debate europeo sobre pobreza, exclusión social e futuro xuvenil

Un grupo de 25 alumnos e alumnas de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato do IES Ribadeo Dionisio Gamallo participou o venres 6 de febreiro nunha sesión en liña do programa Euroscola, na que se reuniron un total de 39 centros educativos europeos durante dúas horas e media de debate e reflexión compartida. A xornada estivo centrada na análise da situación social actual baixo o lema Cara unha Europa social forte: a ambición da UE de acabar coa pobreza e a exclusión social.
A sesión arrancou coa benvida institucional da presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, quen deu paso á intervención de Fabienne Keller, cuestora do Parlamento Europeo. Keller mantivo un diálogo aberto tanto co alumnado presente en Estrasburgo como cos estudantes que seguían o encontro por videoconferencia desde distintos países europeos, favorecendo un intercambio directo de opinións e inquietudes.
Nunha segunda parte da xornada, o alumnado puido escoitar a Danai Papadopolulou, unha das responsables do Secretariado do Comité de Emprego e Asuntos Sociais do Parlamento Europeo. Durante esta intervención, os estudantes do IES Ribadeo participaron activamente formulando unha pregunta sobre a dificultade de acceso á vivenda para a mocidade e o impacto que os elevados prezos do alugueiro teñen no dereito á educación e á mobilidade estudantil. A cuestión, aínda que non obtivo respostas inmediatas, quedou sinalada como unha reflexión relevante sobre a realidade social actual e os retos de futuro.
A xornada puxo de manifesto a preocupación da xuventude europea polos problemas que condicionan o seu presente e o seu porvir, así como a importancia de que participe desde idades temperás na construción dunha Europa máis xusta e inclusiva.
O traballo continuou para un grupo reducido de oito alumnos e alumnas de 4º de ESO e 1º de Bacharelato, que participan no proxecto Juntos hacemos historia, impulsado pola Oficina do Parlamento Europeo en España. Neste marco, o alumnado realizou un traballo en inglés sobre a protección da biosfera mariña, dentro dun proceso de selección que permitirá a seis centros participar nun encontro transnacional en Madrid, do 15 ao 17 de abril, xunto a centros de Malta e Chipre.
Desde o centro educativo destacan a implicación, o esforzo e a capacidade de reflexión demostrada polo alumnado ao longo dunha xornada intensa, que serve de estímulo para toda a comunidade educativa e evidencia a necesidade dunha formación interdisciplinar comprometida coa realidade social e europea.