O alumnado do IES Marqués de Sargadelos mergúllase na biodiversidade atlántica coa exposición “Azores: Oasis Atlántico”

O alumnado de 1º da ESO do IES Marqués de Sargadelos participou este luns nunha experiencia formativa arredor da exposición fotográfica “Azores: Oasis Atlántico”, unha mostra do fotógrafo Anxo Cao que pode visitarse na Sala Xosé Vizoso, situada no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, no edificio das Carboeiras.
A iniciativa foi promovida polo Concello en colaboración co centro educativo e co propio autor, co propósito de achegar a creación artística e a divulgación científica á mocidade. A proposta permitiu ao estudantado descubrir de primeira man a riqueza e diversidade do ecosistema mariño do Atlántico, fomentando ao mesmo tempo valores de respecto e protección do medio natural.
A xornada arrancou cunha explicación introdutoria na que Anxo Cao detallou o proceso técnico da fotografía subacuática, o contexto no que foron captadas as imaxes e as particularidades das especies retratadas. O interese do alumnado fíxose patente na súa participación activa e nas numerosas preguntas formuladas ao fotógrafo, antes de iniciar un percorrido guiado polas distintas instantáneas que integran a exposición.
Desde o Concello salientaron a relevancia de impulsar actividades que conecten cultura, ciencia e conciencia ambiental. Ao seu xuízo, este tipo de propostas ofrecen unha aprendizaxe directa e visual, favorecendo que a xente nova se implique na defensa do patrimonio natural.
A administración local tamén quixo agradecer a colaboración do IES Marqués de Sargadelos e a dispoñibilidade de Anxo Cao, destacando que a súa implicación resultou determinante para transformar a visita nunha experiencia didáctica, participativa e enriquecedora.