O alumnado do IES Dionisio Gamallo de Ribadeo, embaixador do Parlamento Europeo

AMariñaXa
O eurodeputado galego Francisco Millán Mon mantivo un encontro cos estudantes do centro, participante no programa de Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo
Millán-Mon-no-IES-Dionisio-Gamallo
5 Out 2024

O eurodeputado galego Francisco Millán Mon celebrou o cada vez maior interese da mocidade galega pola Unión Europea, reivindicando o proxecto europeo como "unha comunidade de valores compartidos" na que "as súas voces e preocupacións poden ser escoitadas e atendidas". Así o destacou durante a súa visita a Ribadeo, onde mantivo un encontro co alumnado do IES Dionisio Gamallo, participante no programa de Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.

Millán Mon sinalou que "a Unión Europea é moi importante para a nosa terra, xa que as decisións que afectan o futuro dos nosos pescadores, mariscadoras, agricultores, gandeiros, mocidade e industria tómanse basicamente en Bruxelas". Como eurodeputado galego, destacou a súa responsabilidade de velar polos intereses de Galicia dentro do contexto europeo, garantindo que estas preocupacións sexan tidas en conta a nivel comunitario.

Durante o encontro co alumnado, o eurodeputado destacou a importancia de que as novas xeracións comprendan os obxectivos, a orixe e o funcionamento da Unión Europea: "É moi positivo ver como a mocidade mostra cada vez maior interese pola Unión Europea, que non só é un proxecto político, senón tamén unha comunidade de valores compartidos".

Francisco Millán Mon subliñou a necesidade de que a xuventude coñeza e comprenda as institucións europeas para comprometerse máis co proceso de integración, asegurando un futuro de paz, prosperidade e liberdade. Propuxo afondar na aprendizaxe sobre a Unión Europea nos centros de ensino, apostando pola creación dunha "asignatura europea" para fomentar un coñecemento profundo das institucións e obxectivos da UE.

O eurodeputado tamén remarcou a importancia de promover iniciativas que acheguen a Unión Europea á mocidade, tanto no ámbito académico como a través de programas de mobilidade, como Erasmus+ ou DiscoverEU. "A mocidade ten que sentir que a Unión Europea non é algo distante, senón un espazo onde as súas voces e preocupacións poden ser escoitadas e atendidas", afirmou.

Ribadeo, punto clave do Camiño do Norte

Despois do encontro no centro educativo, Millán Mon foi recibido polo alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, a quen agradeceu o seu cálido recibimento. O eurodeputado destacou a riqueza cultural da cidade, así como o seu vínculo especial coa historia indiana, valorado en toda Galicia. Millán Mon eloxiou o traballo do Goberno local para preservar este patrimonio, que atrae cada ano a miles de visitantes interesados na súa arquitectura e historia.

Tamén subliñou a importancia de Ribadeo como punto estratéxico no Camiño de Santiago do Norte, unha ruta de gran transcendencia para Galicia, España e Europa. "Ribadeo non só destaca polo seu legado indiano, senón tamén como un fito esencial no Camiño de Santiago, o que a converte nun enclave turístico e cultural de primeira orde", concluíu Millán Mon, destacando que a promoción destes atractivos é fundamental para fortalecer o turismo en Galicia e poñer de manifesto o carácter acolledor dos galegos.

0.20135998725891