O alumnado do CEIP Juan Rey participa na creación dunha escultura colectiva en Lourenzá

AMariñaXa
O artista vasco Sebas González elabora no centro educativo a obra Ayudar, unha iniciativa promovida polo Concello que une arte, educación e participación
230126-O-ARTISTA-SEBAS-GONZaLEZ-COA-ESCULTURA-ELABORADA-NO-CEIP-JUAN-REY-(LOURENZa-2026
24 Jan 2026

O CEIP Juan Rey de Lourenzá foi escenario este venres dunha proposta artística e educativa singular coa realización dunha escultura colectiva a cargo do artista vasco Sebas González. A iniciativa, impulsada polo Concello de Lourenzá, contou coa implicación directa do alumnado do centro na creación da obra titulada Ayudar, concebida como un proxecto participativo e pedagóxico.

Sebas González explicou que a súa chegada a Galicia responde á busca dun espazo afastado do ritmo acelerado das cidades, un entorno que lle permitise desenvolver a súa paixón creativa. Tras instalarse en Lourenzá, presentou ao Concello diferentes propostas artísticas, atopando, segundo indicou, un equipo receptivo que lle abriu as portas para iniciar o seu traballo no municipio. A súa primeira escultura, Campesino, foi unha homenaxe ás xentes do rural e ao esforzo diario que caracteriza a súa forma de vida. Posteriormente, o artista realizou tamén unha obra dedicada á figura do peregrino.

Despois destes proxectos, González propuxo dar un paso máis cunha iniciativa centrada na educación e na participación da infancia, involucrando ao alumnado do colexio Juan Rey nun proceso creativo compartido. Deste xeito naceu Ayudar, unha escultura colectiva coa que se pretende transmitir valores de colaboración, solidariedade e aprendizaxe a través da arte.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, agradeceu ao artista “a súa iniciativa e a boa disposición que amosa sempre co Concello”, así como ao CEIP Juan Rey “por acoller e colaborar activamente na realización deste traballo”, destacando a importancia de achegar a creación artística ás aulas e de fomentar a participación do alumnado en proxectos culturais.

⚙ Configurar cookies
0.051088094711304