O alumnado do CEIP de Cervo potencia a inclusión educativa nun encontro nas Palmas
O alumnado de 6º de Primaria do CEIP de Cervo, acompañado por 2 mestras e 1 mestre, acudiron a un importante encontro no CEIP Doctor Juan Espino Sánchez da Villa de Ingenio das Palmas de Gran Canaria. Na cita reuniuse alumnado e profesorado procedentes do CEP Antonio de Ulloa deCartaxena e do CEIP Arias Montano de Badaxoz.
Este encontro era o último do programa Agrupacións de Centros Educativos denominado Novos espazos de aprendizaxe para unha educación inclusiva, subvencionado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional. No caso do centro, o Concello de Cervo tamén colaborou para que se puideran levar a cabo todas as mobilidades previstas. Os obxectivos principais foron potenciar a inclusión educativa, crear vínculos entre centros de diferentes comunidades e o seu alumnado a través da realización de proxectos comúns, compartindo experiencias para aprender uns de outros e impulsar o intercambio e a mobilidade entre os centros.
O martes 21 de maio foron recibidos por toda a comunidade educativa do CEIP Dr. Espino. O mércores 22 as delegacións foron recibidas oficialmente pola alcaldesa da Villa de Ingenio, Vanesa Martín, e outras autoridades locais. Trala recepción oficial, continuaron os obradoiros no centro, pechando a xornada cunha visita ás Palmas de Gran Canaria. A iniciativa continuou o xoves 23, na que a loita canaria foi a gran protagonista, xa que os catro centros participaron pola mañá nunha animada sesión deportiva. Pola tarde visitaron a zona sur da illa e o venres realizaron varios obradoiros de radio, xornal escolar e xadrez.
Este programa de Agrupacións Escolares desenvolveuse ao longo dos cursos 2022/23 e 2023/24 seguindo varias liñas de traballo: creación de novos espazos educativos (aula ou espazos do futuro), TIC e metodoloxías activas, educación inclusiva, dinamización de recreos (inclusivos), a biblioteca como núcleo vertebrador de proxectos, educación emocional, horta escolar, laboratorio e robótica.
Incluíu durante este tempo actividades como intercambio de postais de Nadal ou de presentacións para dar a coñecer o máis destacado de cada localidade, un banco de sementes, dossiers sobre xogos tradicionais, programas de radio, xornal escolar, booktubers, técnicas audiovisuais con croma, actividades de programación e pensamento computacional, entre moitas outras. Sen dúbida, a mobilidade entre os centros foi o máis destacado e enriquecedor deste proxecto.