O alumnado do CEIP de Cervo enche de creatividade e Nadal unha árbore do parque municipal

AMariñaXa
O Concello colabora nunha iniciativa educativa e sostible no parque Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane
Cervo-arbore-Nadal-2025-os-alumnos-decoran
16 Dec 2025

O parque Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, en Cervo, conta desde estes días cunha árbore moi especial, decorada grazas á imaxinación e ao traballo do alumnado do CEIP de Cervo. A iniciativa, impulsada en colaboración co Concello, converteu este espazo público nun recuncho cheo de cor, ilusión e espírito do Nadal, cunha proposta que aposta pola creatividade infantil e polos valores da sustentabilidade.

Os nenos e nenas do centro educativo elaboraron os adornos navideños empregando material de refugallo, demostrando que a reutilización e o respecto polo medio ambiente poden ir da man da expresión artística. O persoal municipal encargouse de colaborar na colocación destas pezas na árbore do parque, facendo posible que o resultado final poida ser desfrutado por toda a veciñanza.

Ata o lugar desprazáronse a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e a concelleira Mali Méndez, que quixeron coñecer de primeira man o desenvolvemento da actividade e comprobar o resultado dunha iniciativa que destaca polo seu carácter educativo e polo traballo en equipo entre o Concello e a comunidade escolar.

Desde o Concello animan á cidadanía a achegarse ao parque para contemplar esta decoración tan singular, froito da ilusión dos máis pequenos e dunha proposta que transmite valores como a creatividade, a cooperación e o coidado do entorno. Así mesmo, agradecen ao CEIP de Cervo a súa implicación e a cesión dunha idea que contribúe a facer máis acolledores os espazos públicos durante estas datas tan sinaladas.

⚙ Configurar cookies
0.076179981231689