O alumnado de FP de Burela, Mondoñedo, Foz e Viveiro participa nun congreso de innovación
O alumnado de FP de Burela, Viveiro, Mondoñedo e Foz participa no Congreso da Innovación na Formación Profesional 'FP Innova 2024'. Deste xeito, os estudantes do IES Perdouro de Burela presentan tres proxectos. Concursan cun prototipo de sistema automatizado para lavado, procesamento e desinfección de grelos mediante inmersión, secado e posterior exposición a raios ultravioleta.
Ademais, alumnado do mesmo centro desenvolve asesoramento para peiteados afro que busca contribuír a darlle valor á diversidade cultural e á integración das diferentes manifestacións culturais da zona e outro proxecto de promoción e comercialización de xogos centrados en fomentar a aprendizaxe e a xestión emocional a través do entretemento.
Pola súa parte, os estudantes do IES de Foz elaboraron batidos e snacks saudables a partir de froitas, verduras, froitos secos, cereais e especias, co obxectivo de suplementar as carencias nutricionais comúns e promover un estilo de vida saudable. No caso do IES Plurilingüe San Rosendo, presentan BioFungi, un cultivo de fungos comestibles a pequena escala mediante un proceso biotecnolóxico que permita realizar o ciclo completo da produción.
O IES Sarmiento de Viveiro tamén participa no congreso con dous proxectos. Presentan un prototipo de batería para vehículos eléctricos empregando un electrólito baseado en líquidos iónicos, caracterizados pola súa eficiencia en cargas e descargas, e pola súa baixa inflamabilidade e toxicidade. E tamén, unha empresa de alugamento de vehículos de nove prazas que busca optimizar o tempo e reducir os custos e as emisións contaminantes en desprazamentos desde Viveiro ás principais cidades galegas.